Sumar e Podemos esixen a Inés Rey explicacións pola crise no Goberno local

ACoruñaXa
As formacións advirten da inestabilidade no executivo coruñés e piden transparencia sobre os cambios internos producidos nos últimos anos
A CORUÑA sumar
27 Jun 2026

Movemento Sumar Coruña e Podemos Coruña reclamaron explicacións públicas á alcaldesa, Inés Rey, pola crise aberta no Goberno local da Coruña. As dúas formacións consideran que a situación do executivo municipal deixou de ser unha cuestión interna do PSOE e afecta directamente á estabilidade política da cidade.

Ambas organizacións aseguran que a cidadanía ten dereito a saber que está a ocorrer no Goberno municipal e lembran que nos últimos anos se produciron numerosas saídas, cambios de responsabilidades e substitucións dentro do equipo socialista.

Segundo sinalan, desde 2019 o executivo renovou arredor do 60% dos seus concelleiros e concelleiras, unha cifra que, ao seu xuízo, evidencia un problema de fondo na xestión interna do Goberno local.

A voceira de Movemento Sumar Coruña, Trinidad Palacios, sostén que a situación require explicacións públicas porque afecta ao funcionamento do Concello e non só á organización interna do PSOE. Na mesma liña, o voceiro de Podemos Coruña, Aitor Neira, critica que se tente tapar a crise con anuncios políticos e reclama claridade sobre o que está a suceder dentro do executivo.

Sumar e Podemos defenden que A Coruña precisa un Goberno transparente, estable e centrado no interese xeral, polo que piden á alcaldesa que renda contas ante a cidadanía.

0.13804793357849