Soavila Rural abre as portas da súa leira en Carral para mostrar o seu proxecto de vida comunitaria e conexión coa natureza

Unha parcela rural pode ser moito máis ca un lugar para desconectar da rutina. En Santa Baia de Cañás, en Carral, Soavila Rural traballa para converter a súa contorna natural nun espazo de encontro, aprendizaxe e convivencia, cunha proposta que sitúa no centro o benestar das persoas, o acompañamento ás familias e a recuperación dos valores da vida no rural. O proxecto abrirá as portas da súa finca nunha xornada pensada para que a veciñanza poida coñecer de primeira man esta iniciativa.
A actividade terá unha duración de tres horas e media e busca ofrecer un tempo de pausa, creatividade e convivencia en plena natureza. A proposta está especialmente vinculada á infancia, á que pretende proporcionar un ambiente no que explorar, experimentar e xogar con liberdade, lonxe dos ritmos e das limitacións habituais dos espazos urbanos.
Soavila Rural nace cunha vocación que vai máis alá do lecer. O proxecto concibe o medio rural como unha oportunidade para impulsar novas formas de relación entre as persoas e coa contorna, combinando actividades relacionadas coa natureza, a educación ambiental, o benestar emocional e o acompañamento social.
Un espazo para compartir experiencias e crear comunidade
A finca, cunha superficie aproximada de 15.000 metros cadrados, forma parte dunha iniciativa que busca recuperar a vida rural desde unha perspectiva comunitaria e sostible. O contacto cos animais, os espazos ao aire libre e as actividades vinculadas á terra son algúns dos elementos arredor dos que se articula a proposta.
Entre as liñas de traballo que o proxecto foi desenvolvendo figuran os hortos ecolóxicos, a agricultura terapéutica, as intervencións asistidas con animais, a educación ambiental e as actividades orientadas ao benestar emocional. Tamén promove iniciativas de apoio ás familias, igualdade e prevención da violencia, ademais de obradoiros, encontros e propostas de lecer na natureza.
A iniciativa aposta igualmente pola colaboración con profesionais, emprendedoras, entidades e colectivos que queiran desenvolver actividades no medio rural e crear sinerxías. A idea é que a finca funcione como un lugar compartido, no que diferentes persoas e proxectos poidan achegar coñecementos, recursos e experiencias.
A xornada de portas abertas permitirá achegarse a esta filosofía e descubrir un proxecto que pretende facer do rural un lugar de encontro, coidado e oportunidades para a comunidade.