Sete rúas de Tarrío renovarán o seu firme cun investimento de máis de 200.000 euros

O núcleo de Tarrío continuará coa súa renovación viaria cun novo paquete de obras que o Concello de Culleredo acaba de sacar a licitación por un importe de 217.589,68 euros. O proxecto, cofinanciado pola Deputación da Coruña, permitirá rehabilitar o pavimento de sete vías municipais, cunha lonxitude conxunta de 1.721 metros e unha superficie superior aos 9.000 metros cadrados.
A actuación dará continuidade á modernización da estrada provincial e ás obras xa adxudicadas nas rúas próximas á Casa do Concello e ao consultorio médico. Os traballos previstos afectarán ás rúas Fonte do Souto, Manuel Reboredo, Tarrío, Leonzas, Poeta Pilar Pallares e Unión, así como a un ramal de Leonzas que actualmente conta cun firme de zahorra.
O proxecto contempla o fresado das zonas deterioradas e a posterior aplicación dunha nova capa de rodadura de mestura bituminosa en quente. Tamén se mellorará a drenaxe mediante a limpeza das marxes e a reapertura de cunetas, co obxectivo de corrixir os problemas que presenta o firme e favorecer a conservación das vías.
Unha das intervencións máis destacadas realizarase no paso sobre o Rego de Regueira, situado na rúa Leonzas e frecuentado por peóns. Nese punto instalarase un pavimento de adoquíns de granito gris para reducir a velocidade dos vehículos e mellorar a integración do espazo. Ademais, substituirase a actual varanda por outra adaptada á normativa vixente.
As obras incluirán tamén a renovación completa da sinalización horizontal e vertical das vías afectadas, así como o axuste de arquetas, pozos e chaves de paso á nova altura do asfalto.
O alcalde, José Ramón Rioboo, enmarca esta licitación no plan de mellora integral de Tarrío e sinala que, xunto ás actuacións xa contratadas nas rúas Constitución e Viouteiro, permitirá atender as demandas da veciñanza. Estas últimas obras suporán un investimento de 126.446 euros e crearán unha plataforma única de pedra e formigón desactivado para conectar ambas as rúas coa vía principal.
A renovación viaria súmase a outros proxectos previstos no núcleo. O Concello ten en fase de contratación a modernización integral do polideportivo, cun orzamento de 1,3 millóns de euros, mentres que a Deputación investirá 221.000 euros para mellorar a seguridade na estrada provincial fronte ao colexio. Ademais, xa está adxudicada a creación dun itinerario seguro entre Tarrío e Celas, cun investimento de 397.000 euros.