Séntanse as bases de 'Vilasantar Enerxía', unha iniciativa para o autoconsumo renovable

ACoruñaXa
O Concello promoverá a instalación de placas solares en edificios municipais e a veciñanza asociada beneficiarase do excedente enerxético
Imaxe da reunión celebrada en Vilasantar
Imaxe da reunión celebrada en Vilasantar
27 mar 2024

O Concello de Vilasantar celebrou unha reunión para establecer as bases da asociación sen ánimo de lucro que rexerá o proxecto local de enerxía renovable de autoconsumo colectivo, 'Vilasantar Enerxía'.

Á xuntanza acudiron o alcalde do municipio, Fernando Fernández Pérez; representantes das empresas que desenvolveron o proxecto, Permae Ser e Flinq; a técnica de Medio Ambiente de FEGAMP, Lucía González; a directora xerente do EspazoCoop (Unión de Cooperativas Galegas), Lucía Mendoza; o coordinador do proxecto EC4RURAL, Xavier Simón; e veciños e veciñas interesados en formar parte da asociación.

O proxecto abrangue a instalación de placas solares en 19 edificios municipais, que verterán á rede eléctrica o excedente enerxético para que os fogares asociados nun radio de dous quilómetros en liña recta podan beneficiarse dela. Así pois, estes usuarios verán reducida a súa factura eléctrica. Non obstante, o rexedor de Vilasantar sinalou que non se trata só dun beneficio económico, senón que a comunidade enerxética ten un forte compoñente social e medioambiental.

Na liña do establecido no proxecto, a primeira fase consistirá na instalación de placas solares no tellado do polideportivo da parroquia de Présaras, cun investimento duns 175.000 euros a asumir pola administración local e cun radio de alcance do 25% dos fogares de Vilasantar. É dicir, 254 domicilios poderanse beneficiar do excedente enerxético desta primeira instalación de xeito gratuíto, sempre e cando formen parte da asociación 'Vilasantar Enerxía'.

Neste sentido, a asociación sen ánimo de lucro terá un funcionamento asembleario, no que o Concello terá un voto, ao igual que o resto de membros, e todas as decisións serán tomadas de xeito democrático. Ademais, o Concello asume o custe da instalación das placas fotovoltaicas e o 100% dos gastos de mantemento e asesoramento, polo que a veciñanza pode sumarse á asociación e beneficiarse do aforro enerxético sen ningún custo inicial.

O alcalde confía en que, unha vez arrancado o proxecto, máis veciños e veciñas se sumen á asociación, e lembrou que pertencer a “Vilasantar Enerxía” é compatible co bono social e con todas as comercializadoras eléctricas.

Un exemplo de sostenibilidade

Ademais, durante a xuntanza estiveron presentes representantes de EC4RURAL, o proxecto europeo para impulsar a transición enerxética limpa nas áreas rurais a través das comunidades enerxéticas.  O Concello de Vilasantar, ademais doutros 21 municipios galegos, forma parte do piloto na comunidade autónoma, polo que “Vilasantar Enerxía” contará polo menos ata 2027 co asesoramento e respaldo dun consorcio multidisciplinar integrado por nove entidades de España, Bélxica e Estonia lideradas pola Universidade de Vigo.

Pola súa banda, Xavier Simón, coordinador do proxecto EC4RURAL e catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, salientou a importancia do proxecto e a oportunidade que supón para a veciñanza, xa que se trata da segunda comunidade enerxética en Galicia promovida por unha administración pública, que se encargará do investimento inicial. Así pois, definiu a Vilasantar como “concello pioneiro”, pero adiantou que nun futuro próximo producir a enerxía propia será o máis estendido.