Seis integrantes da UDC participarán en proxectos de cooperación internacional en África e América Latina

A Oficina de Cooperación e Voluntariado da Universidade da Coruña puxo en marcha unha nova edición dos seus programas de cooperación internacional, unha iniciativa que permitirá a estudantes e persoal universitario participar en proxectos de desenvolvemento en distintos países de África e América Latina ao longo de 2026.
A través dos Proxectos de Coñecemento da Realidade (PCR), dirixidos ao alumnado, e dos Proxectos de Coñecemento da Cooperación (PCC), destinados ao persoal docente, investigador e técnico da institución académica, a universidade promove estadías vinculadas a iniciativas impulsadas por organizacións non gobernamentais, universidades e entidades especializadas en cooperación internacional.
Os programas teñen como finalidade achegar ás persoas participantes á realidade social dos países de destino e favorecer a súa implicación en accións de carácter educativo, sanitario, tecnolóxico e comunitario. Ademais, as experiencias desenvolvidas intégranse na actividade académica e profesional dos participantes e complétanse posteriormente con accións divulgativas para compartir os coñecementos adquiridos.
Nesta edición participarán un total de seis representantes da universidade, tres estudantes e tres membros do persoal docente e investigador.
No programa destinado ao alumnado foi seleccionada Irene Otero Gómez, alumna do Máster en Políticas Sociais e Intervención Sociocomunitaria, que colaborará en Guatemala nun proxecto promovido por Solidariedade Internacional de Galicia centrado na defensa dos dereitos das mulleres maias e na prevención das violencias de xénero.
Tamén participará Alba Suárez Tapia, estudante do Grao en Enxeñaría Informática, que viaxará a Mozambique da man da Fundación Loyola Galicia para colaborar na creación dunha aula de informática nun centro educativo rural da provincia de Tete e impartir formación básica relacionada coa intelixencia artificial.
A terceira participante será María Elena Casal González, tamén vinculada ao Máster en Políticas Sociais e Intervención Sociocomunitaria, que desenvolverá en Honduras un proxecto orientado á implantación dunha ferramenta dixital no ámbito sanitario e á promoción da saúde integral das mulleres no municipio de San Marcos de Colón.
No programa reservado ao persoal universitario participará Félix Puime-Guillén, docente da área de Economía Financeira e Contabilidade, que colaborará en Mozambique en accións formativas relacionadas coa xestión económica, o control de proxectos e a planificación estratéxica nun centro educativo.
Xunto a el desprazarase tamén Susana Vázquez Martínez, da área de Educación Matemática, que apoiará o desenvolvemento curricular e a formación do profesorado en ensinanzas técnicas e matemáticas.
Pola súa banda, Xosé Manuel Malheiro Gutiérrez viaxará a Angola para colaborar co persoal docente dunha escola local e impulsar unha rede virtual de formación e intercambio de coñecemento.
A Universidade da Coruña destaca que estes programas constitúen unha ferramenta para fortalecer o compromiso social da comunidade universitaria e fomentar a transferencia de coñecementos cara a territorios que afrontan importantes retos de desenvolvemento, ao tempo que enriquecen a formación persoal e profesional das persoas participantes.