Seis concellos da Reserva da Biosfera únense para impulsar emprego verde en conservación forestal e xardinería

Os concellos de Abegondo, Bergondo, Carral, Oza-Cesuras, Paderne e Sada volveron sumar esforzos para fomentar a creación de emprego verde na comarca a través do taller ‘Reserva de Biosfera: emprego verde VI’. A Casa da Cultura de Carral acolleu hoxe o acto de inauguración desta iniciativa, coa que 20 persoas da zona darán os seus primeiros pasos no sector da conservación forestal e a xardinería.
O evento contou coa participación do alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso; a delegada territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Belén do Campo; e o alcalde de Carral, Javier Gestal. Tamén asistiron Pilar Barja, concelleira de Bergondo; Pilar Rilo e Carmen Barreiro, concelleiras de Oza-Cesuras; e Ricardo Berrocal, concelleiro de Sada.
Durante a súa intervención, José Antonio Santiso destacou o compromiso dos concellos participantes coa promoción de oportunidades laborais. "Con iniciativas coma esta estamos xerando emprego para os nosos veciños e veciñas", afirmou. Ademais, agradeceu á Xunta de Galicia a subvención de 411.928 euros que permitiu levar a cabo esta nova edición do taller, animando aos participantes a aproveitar ao máximo a formación ofrecida.
Teoría e práctica
O taller, que terá unha duración de nove meses, combinará contidos teóricos con prácticas en espazos forestais e zonas verdes dos seis concellos implicados. Os alumnos e alumnas recibirán formación especializada en dúas áreas principais: Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería. Ao rematar, os participantes obterán certificados de profesionalidade nestas especialidades, o que lles permitirá mellorar as súas posibilidades de inserción laboral.
José Antonio Santiso tamén puxo en valor “a cooperación institucional e o traballo conxunto” como claves para o éxito deste tipo de proxectos que promoven o emprego e contribúen á sustentabilidade.