Sada contará cun servizo especial de buses de madrugada polas festas de Mosteirón

ACoruñaXa
As festas de Mosteirón, en cuxa organización colabora o Concello de Sada, comezan este xoves coa celebración da 24ª festa dos maiores e durarán ata o sábado
Imaxe dunha edición anterior das Festas de Mosteirón en Sada
10 Jul 2024

O Concello de Sada vén de confirmar coa empresa xestora do transporte público un reforzo no servizo de autobuses con motivo das festas de Mosteirón, que terán lugar este fin de semana. Este reforzo, levado a cabo por ALSA a petición do Concello, ten como obxectivo facilitar o transporte seguro para evitar na medida do posible desprazamentos en vehículo particular esa noite.

Os horarios dos servizos especiais de autobuses son semellantes ós proporcionados o ano pasado e adaptados ó horario das propias festas: Ás 4.00 horas saída de Mosteirón cara Sada; ás 4.30 horas saída de Mosteirón cara A Coruña. Ademais, tal como se fixo o ano pasado, no caso de ser necesario, ALSA confirma a posibilidade de contar con servizos adicionais para atender a demanda.

As festas de Mosteirón, en cuxa organización colabora o Concello de Sada, comezan este xoves coa celebración da 24ª festa dos maiores. Xa o venres a partir das 19.00 horas terá lugar a tradicional churrascada. Ás 22.00 horas comezará a verbena dese día a cargo das orquestras Panorama e Eureka. O sábado será momento para os máis pequenos coa festa infantil. Pola noite a verbena correrá a cargo da orquestra Ritmo e á medianoite un dos momentos máis agardados, o lanzamento do globo de papel. As festas rematan o domingo con dianas e alboradas, os actos litúrxicos, sesión vermú e degustación de Callos.

 

0.15764284133911