Sada acollerá este sábado a XIII Andaina contra a Violencia de Xénero do Consorcio As Mariñas

O Consorcio As Mariñas celebrará este sábado, 21 de novembro, a XIII Andaina contra a Violencia de Xénero, unha iniciativa que busca visibilizar o rexeitamento ás violencias machistas e promover a sensibilización e o compromiso colectivo da cidadanía con motivo do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.
A convocatoria deste ano terá lugar en Sada baixo o lema ‘Ante a Violencia de Xénero As Mariñas di NON’. A saída está prevista para as 11.00 horas desde a Casa da Cultura Pintor Lloréns, mentres que a chegada se calcula arredor das 12.15 horas. As persoas interesadas poderán inscribirse no propio punto de partida desde as 10.30 horas, momento no que tamén se repartirá material de sensibilización.
A andaina contará cun percorrido circular de aproximadamente cinco quilómetros e de baixa dificultade, polo que está aberta a todos os públicos. A organización recomenda, con todo, acudir con roupa e calzado axeitados para camiñar.
A actividade concluirá coa lectura dun manifesto conxunto no que participarán os concellos que forman parte do Consorcio As Mariñas, nun acto de reivindicación e compromiso contra a violencia de xénero.