Riazor acolle unha noite estelar no Festival Noroeste Estrella Galicia chea de grandes actuacións

ACoruñaXa
O evento principal contará con Fillas de Cassandra, Xoel López e Crystal Fighters, e tamén inclúe programación escénica para todos os públicos
Fillas-de-Cassandra
9 Ago 2024

Este venres, no quinto día do Festival Noroeste Estrella Galicia, o escenario de Riazor, o máis grande e impoñente de todo o evento, converterase no centro absoluto da programación musical. Tras o grande éxito da primeira xornada musical, que terá continuidade este xoves nos escenarios do castelo de San Antón, praza de Azcárraga, Campo da Leña e Santa Margarida, chega o momento de inaugurar o escenario principal, un dos pratos fortes do verán coruñés e galego.

A xornada comezará coa actuación de Fillas de Cassandra. As viguesas, que nos últimos meses emerxeron como un dos proxectos máis prometedores na música en galego, abrirán o escenario de Riazor coa súa mestura de tradición musical galega, hip-hop e electrónica. Logo, o coruñés Xoel López, profeta na súa propia cidade e unha das figuras máis destacadas da escena musical nacional, levará ao escenario o seu inconfundible estilo, facendo honra do amor pola súa terra. A noite culminará cos ingleses Crystal Fighters, recoñecidos internacionalmente pola viralidade das súas cancións e a súa capacidade para transformar os seus concertos en auténticas festas.

Na quinta xornada deste Festival Noroeste Estrella Galicia tamén haberá oco para as artes escénicas, co sexto día consecutivo de programación. ‘Contos ao Noroeste’, con Atenea García na praza de Vigo, e o ‘Noroestiño’ cos Monifates nos Xardíns de Méndez Núñez serán as propostas para o sábado. Ambas citas serán ás 19.00 horas.

Atenea García sorprenderá ao público cunha divertida e fresca proposta de narración oral para adultos, onde presentará historias de vida recollidas a mulleres que xa cumpriron 80 anos. ‘Vicio houbo sempre’ son historias que falan do desexo, do pracer, de sexualidade...

De festa en festa, dos Monifates, será a proposta para a cativada. Un carromato, dous músicos ambulantes e os máis diversos monicreques danzantes. Os Monifates é un proxecto lúdico-didáctico estreitamente vencellado á cultura galega, que pretende mostrar a rica e variada música e instrumentación que se conserva en Galicia, unido á recuperación dos chamados monicreques danzantes, hoxe case en desuso, integrando así baile, música e marionetas nun formato distinto e orixinal.

O Goberno de Inés Rey aposta un ano máis por unha ampla variedade musical e de estilos neste Festival Noroeste Estrella Galicia, que conta con grandes figuras internacionais e nacionais e tamén con oco para artistas emerxentes. Ademais, a configuración de distintos escenarios permite á cidadanía gozar dos concertos en espazos únicos.

Mercado de Discos do Noroeste

Por terceiro ano consecutivo, celebrarase o Mercado de Discos do Noroeste, co obxectivo de establecer un punto de encontro musical en A Coruña. Este evento reunirá a coleccionistas, expositores, selos e distribuidoras de soportes fonográficos, incluíndo vinilos e CDs. Haberá máis de 20.000 unidades dispoñibles, entre LPs, CDs, singles e maxisingles, incluíndo discografías completas de algúns artistas, edicións descatalogadas, reedicións e ofertas de case todos os estilos. Tamén haberá unha destacada presenza de discos publicados por selos e editoriais galegas.

O acceso será libre para todos os públicos durante os días 9, 10 e 11 de agosto. O mercado, organizado novamente por Nonito Pereira, celebrarase na súa tenda da rúa Real. O horario será o seguinte: venres de 17.00 a 20.00 horas, e sábado e domingo de 11.00 a
20.00 horas. Como novidade, este ano por primeira vez poñeranse á venda tocadiscos, amplificadores e altavoces de segunda man.

Ademais, poderase disfrutar das seguintes actividades:

• Exposición fotográfica “1000 +30” - Concerto dos mil anos.

• Audición do disco ‘Casanova de Eiris’ comentada por Nonito Pereira Rey.

Programación do festival:

Venres 9 de agosto

-Concertos (Praia de Riazor):

21.15 horas - Fillas de Cassandra
22.30 horas - Xoel López
00.30 horas - Crystal Fighters

-Contos ao Noroeste:

19.00 horas - Atenea García (Praza de Vigo)

-Noroestiño:

19.00 horas - Os Monifates (Xardíns de Méndez Núñez)

Sábado 10 de agosto

-Concertos (Praia de Riazor):

21.00 horas - Triángulo de Amor Bizarro
23.00 horas - Vetusta Morla
01.00 horas - The Rapants

-Contos ao Noroeste:

13.00 horas - Leti da Taberna (Praza do Humor)
19.00 horas - Celso Sanmartín (Praza das Bárbaras)

-Noroestiño:

19.00 horas - Fran Amil (Xardíns de Méndez Núñez)

Domingo 11 de agosto

-Contos ao Noroeste:

13.00 horas - Marita Martínez (Praza de Pontevedra)
20.00 horas - Xosé A. Touriñán, Carlos Blanco, David Perdomo, Lucía Veiga (Santa Margarida)

-Noroestiño:

13.00 horas - Magín Blanco e a Banda das Apertas (Xardíns de Méndez Núñez)

 

0.097650051116943