Rexeito coordinado á planta de biogás proxectada en Soandres

Os concellos da Laracha, Arteixo, Cerceda e Culleredo amosaron este xoves o seu rexeitamento ao proxecto para instalar unha planta de biogás en Vista Alegre, na parroquia larachesa de Soandres. Os catro alcaldes mantiveron unha reunión para analizar a situación e acordaron actuar de maneira coordinada na presentación de alegacións.
No encontro participaron os rexedores da Laracha, José Manuel López Varela; Arteixo, Carlos Calvelo; Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, e Culleredo, José Ramón Rioboo. Todos eles coincidiron en expresar a súa preocupación por unha instalación situada nun punto próximo aos límites municipais de Arteixo, Cerceda e Culleredo, o que amplía o alcance das posibles afeccións.
As alegacións que presentarán os concellos estarán centradas na protección do patrimonio, no risco de impacto sobre os ríos Anllóns e Valiñas e nas molestias que poderían derivarse dos cheiros asociados á actividade. No caso do Anllóns, os alcaldes lembran ademais a súa importancia como principal curso fluvial de Bergantiños e como fonte de captación de auga para parte da Laracha.
Outro dos aspectos que preocupa aos responsables municipais é o incremento do tráfico pesado que podería xerar a planta. A presenza continua de camións, sinalan, podería ter consecuencias sobre a circulación e a seguridade viaria na contorna.
Os catro alcaldes manifestaron a súa intención de esgotar as vías administrativas dispoñibles para tratar de impedir que o proxecto saia adiante. A oposición institucional súmase ao rexeitamento veciñal canalizado a través da plataforma Stop Biogás A Laracha, que convocou unha manifestación este sábado ás 12.00 horas.