Rexeitamento unánime en Culleredo á planta de biogás prevista na Laracha

O Pleno do Concello de Culleredo expresou de forma unánime a súa oposición á planta de biogás proxectada na parroquia de Soandres, na Laracha. A declaración institucional saíu adiante co apoio dos catro grupos con representación municipal (PSdeG-PSOE, PP, BNG e AV), que coincidiron en advertir das posibles consecuencias dunha instalación destas características nunha contorna rural próxima ao termo municipal cullerdense.
O proxecto, atópase en fase de información pública e figura no Diario Oficial de Galicia como unha instalación destinada á xestión de residuos orgánicos de orixe agrogandeira e da industria alimentaria para a produción de biometano, co obxectivo de inxectalo na rede de gas. A documentación oficial recolle unha capacidade máxima de tratamento de 63.500 toneladas ao ano, das que 6.500 serían residuos Sandach de categoría 3.
A declaración aprobada en Culleredo pon o foco na localización elixida, no lugar de Chousa Grande, dentro dunha parcela de solo rústico situada na contorna do río Anllóns e próxima ao límite municipal. A Corporación considera que a planta pode provocar afeccións sobre o territorio, os recursos hídricos, a paisaxe e a calidade de vida da veciñanza, especialmente pola proximidade a núcleos de poboación.
O texto consensuado tamén recolle a preocupación social existente na zona pola posible aparición de ruídos e cheiros, pola desvalorización das propiedades, pola incerteza sobre o tratamento das augas residuais e pola posibilidade de que este proxecto abra a porta a futuras infraestruturas de gran impacto no rural. Ademais, os grupos municipais cuestionan que o retorno económico sexa suficiente, ao tratarse dunha actividade que xeraría menos dunha decena de empregos directos segundo a declaración aprobada.
A oposición ao proxecto xa se fixo visible tamén na Laracha. O Goberno local dese municipio anunciou alegacións centradas en tres cuestións principais: a protección do patrimonio pola existencia dunha mámoa catalogada no ámbito afectado, o risco de verteduras ao río Anllóns e os posibles cheiros asociados á actividade. O Concello larachés tamén puxo a disposición da veciñanza un modelo de alegación para facilitar a participación no procedemento.
Culleredo reclama á Xunta que non declare a iniciativa como proxecto de interese estratéxico nin lle aplique ningunha figura que permita acelerar a súa tramitación. A declaración institucional insta ademais á Administración autonómica a elaborar unha normativa específica para regular as plantas de biogás en Galicia e, mentres non exista ese marco, a estudar a suspensión dos procedementos administrativos vinculados a este tipo de instalacións.
Co acordo plenario, o Concello de Culleredo traslada o seu apoio á veciñanza da Laracha e reafirma o seu compromiso coa defensa do territorio rural, dos recursos naturais e da calidade de vida das persoas que viven nos municipios da provincia.