Rexeitamento unánime da Deputación á macroplanta de biogás proxectada na Laracha

O pleno da Deputación da Coruña aprobou unha declaración institucional contra a planta de biogás que a empresa Aratel proxecta no lugar de Vista Alegre, na parroquia de Soandres, no municipio da Laracha. A proposta saíu adiante por unanimidade de todos os grupos políticos.
A corporación provincial entende que a instalación prevista podería xerar un impacto relevante sobre o medio ambiente, os recursos hídricos e a calidade de vida da veciñanza. Por este motivo, considera que o proxecto non encaixa co modelo de protección do territorio e desenvolvemento sostible que defende a institución.
Na declaración, a Deputación recoñece que o biogás e o biometano poden ser ferramentas útiles para a xestión de residuos e a produción de enerxía renovable cando se implantan mediante proxectos ben planificados, proporcionados e adaptados ao territorio. Con todo, alerta de que as iniciativas de gran escala e cunha finalidade esencialmente comercial deben someterse a unha avaliación rigorosa polos riscos que poden implicar.
Entre os aspectos que máis preocupación xeran figura a ocupación de máis de 95.000 metros cadrados de solo rústico nas proximidades do río Anllóns. A planta prevé tratar 65.000 toneladas anuais de residuos, entre eles subprodutos animais de categoría 2, ademais de xerar máis de 30.000 toneladas ao ano de efluentes líquidos e preto de 20.000 toneladas de residuos sólidos sen tratamento específico.
O documento aprobado tamén chama a atención sobre o consumo estimado de 1,5 millóns de litros de auga ao ano, o incremento do tráfico pesado polas vías locais e a proximidade da instalación a núcleos habitados. A Deputación advirte de posibles afeccións por ruído, malos cheiros e deterioración das condicións de vida na contorna.
Outro dos puntos sinalados pola institución provincial é a limitada repercusión económica do proxecto, que prevé un máximo de dez empregos directos. A isto engádese, segundo recolle a declaración, a ausencia dunha regulación específica en Galicia sobre a implantación e funcionamento das plantas de biogás, unha situación que xera incerteza xurídica e ambiental.
Por todo iso, a Deputación insta á Xunta de Galicia a non declarar a planta como proxecto de interese estratéxico nin aplicarlle vías de aceleración administrativa mentres continúen as dúbidas sobre o seu impacto e a súa localización. A institución tamén reclama ao Goberno galego que impulse con urxencia unha normativa que estableza garantías claras para a protección do territorio e da cidadanía.
A declaración inclúe ademais o apoio da Deputación á veciñanza da Laracha e da súa contorna, que vén expresando a súa preocupación polos posibles efectos da macroplanta sobre a calidade da auga, do aire, da paisaxe, o valor das propiedades e a vida diaria nas parroquias afectadas.