Rematadas as obras de saneamento no núcleo de Cances tras un investimento de 100.000 euros

O Concello da Coruña concluíu esta semana os traballos de saneamento executados no núcleo poboacional de Cances, unha actuación promovida polo Goberno municipal dentro do Plan de Barrios 2025-2027 e que contou cun investimento de 100.000 euros.
A alcaldesa, Inés Rey, explicou que a intervención permitiu ampliar e modernizar a rede municipal de colectores, mellorando o sistema de recollida de augas mediante a adaptación das tubaxes. Segundo indicou, este tipo de actuacións forman parte das melloras que o Concello está a desenvolver en diferentes puntos da cidade sempre que se acometen obras na rede de saneamento.
A rexedora lembrou que, ademais das tarefas habituais de mantemento e conservación, nos últimos meses executáronse actuacións de mellora do saneamento en barrios como O Castrillón, Elviña, o Barrio das Flores, Agra do Orzán e o núcleo de Nostián. A estas actuacións súmanse agora as obras rematadas en Cances e o inicio de novos traballos no lugar da Comeanda, postos en marcha esta mesma semana.
No caso de Cances, a intervención incluíu a instalación de tubaxes de PVC, un material máis resistente que o gres empregado tradicionalmente, ademais de contar cun maior grosor. Segundo o Concello, esta renovación permitirá reforzar a seguridade da rede, reducindo o risco de fugas e mellorando a súa capacidade para afrontar episodios de choivas intensas.