Reforzan a vixilancia contra os vertidos ilegais no rural de Culleredo

ACoruñaXa
O Concello, o Consorcio das Mariñas e a Asociación de Veciños 'O Val de Culleredo' activan un plan con limpeza, recolocación de colectores, cámaras e campañas de sensibilización
CULLEREDO zona limpia vertido
7 May 2026

O Concello de Culleredo, o Consorcio das Mariñas coa súa empresa xestora e a Asociación de Veciños 'O Val de Culleredo' puxeron en marcha unha actuación coordinada para frear os vertidos ilegais que afectan diferentes puntos do rural do municipio. A iniciativa céntrase especialmente no val que abrangue Sésamo, Sueiro, Ledoño, Celas e Rumbo, onde a acumulación de residuos fóra dos colectores e a existencia de puntos negros levaban tempo xerando malestar entre a veciñanza.

O plan naceu tras unha visita de traballo ás zonas máis afectadas, na que participaron representantes da asociación veciñal, persoal da área de Medio Ambiente do Concello e un responsable da empresa xestora do Consorcio das Mariñas. Durante ese percorrido comprobouse a dimensión do problema, con residuos abandonados, colectores situados en emprazamentos pouco adecuados e zonas nas que a súa presenza mesmo podía supoñer un risco para a circulación ou para as persoas usuarias do transporte público.

Unha das primeiras medidas foi a reorganización da distribución dos colectores nos puntos conflitivos. Retiráronse aqueles que dificultaban o paso por vías ou que estaban colocados fronte a marquesiñas de autobús, como ocorría no caso de O Casal, en Sésamo, e estudáronse novas localizacións máis seguras e funcionais. Tamén se propuxo a instalación de bases específicas para evitar que os recipientes invadan a calzada ou provoquen problemas no tránsito de vehículos e peóns.

De forma paralela, executouse unha limpeza a fondo nas zonas onde se acumularan residuos arredor dos colectores mal situados, co obxectivo de recuperar o estado orixinal destes espazos. A actuación complétase coa recolocación de colectores en áreas con maior control, algunhas delas dotadas de cámaras, para facilitar a identificación das persoas que depositen lixo de forma ilegal.

A vixilancia será outro dos eixos principais do plan. O Concello de Culleredo e o Consorcio das Mariñas, co apoio da Asociación de Veciños 'O Val de Culleredo', reforzarán os controis nos puntos negros para detectar infraccións e trasladar os casos ás autoridades competentes. A intención é que as condutas que atenten contra o medio ambiente teñan resposta legal e sancionadora.

A entidade veciñal amosou a súa firmeza ante esta situación. 'Non haberá cabida para estes delincuentes no noso val. Estamos fartos', sinalou o presidente da Asociación de Veciños 'O Val de Culleredo'.

O dispositivo non se limitará á limpeza e á sanción. Nos próximos meses tamén se prevé impulsar campañas de concienciación sobre o impacto dos vertidos ilegais no medio ambiente, na saúde pública e na imaxe do municipio. Ademais, promoveranse iniciativas de compostaxe como alternativa sustentable para a xestión dos residuos orgánicos, especialmente axeitada para o ámbito rural.

A Asociación de Veciños 'O Val de Culleredo' agradeceu a resposta do Concello, do Consorcio das Mariñas e da súa empresa xestora, e fixo un chamamento á cidadanía para colaborar no coidado da contorna, denunciar os vertidos ilegais e participar nas accións de sensibilización que se poñerán en marcha.

0.12120580673218