Reclaman medidas urxentes pola prohibición de baño na praia de Santa Cruz

A praia do Porto de Santa Cruz continúa incluída na listaxe de zonas con prohibición permanente de baño para a tempada 2026. O areal de Oleiros figura no anexo III do Rexistro de Augas de Baño de Galicia, publicado no Diario Oficial de Galicia do 13 de maio, dentro da relación de espazos nos que non está permitido bañarse.
O BNG de Oleiros reclamou unha solución urxente a esta situación, especialmente pola proximidade do inicio da tempada oficial de baño, prevista para o 1 de xuño. A formación lembra que se trata dunha praia situada nunha das zonas máis transitadas do municipio, ao pé do castelo de Santa Cruz e nunha contorna con forte presenza veciñal, turística y educativa.
O grupo nacionalista advirte de que a prohibición se mantén no tempo sen que, ao seu xuízo, se teña ofrecido unha explicación suficiente sobre a orixe do problema nin sobre as medidas previstas para corrixilo. A praia aparece no rexistro oficial como 'Santa Cruz Porto', no Concello de Oleiros, con alta nesta categoría desde o 1 de xuño de 2024.
A formación pide que se informe de maneira visible e clara ás persoas que se acheguen ao areal, xa que sostén que moitos usuarios descoñecen a prohibición. Tamén reclama unha actuación coordinada entre a Xunta de Galicia, responsable do control sanitario das augas de baño, e o Concello de Oleiros, para identificar a causa da contaminación e resolver o problema canto antes.
O portavoz municipal do BNG, Iván Roca, considera que a situación é 'de gravidade' pola afluencia de persoas que recibe o areal e pola falta de información á veciñanza e visitantes. A formación volverá levar o asunto ao debate político municipal, despois de telo abordado xa o ano pasado tanto no pleno de Oleiros como a través de iniciativas parlamentarias.
A praia de Santa Cruz é un dos espazos máis recoñecibles do litoral oleirense e tamén un punto habitual para actividades deportivas e visitas de grupos de menores. Por iso, o BNG insiste en que non abonda con manter a prohibición no rexistro oficial, senón que é preciso explicar que ocorre, sinalizar a situación sobre o terreo e activar medidas para recuperar o uso seguro do areal.