Protección Civil reforza a súa organización en Curtis cun novo regulamento

O Concello de Curtis culminou a reorganización da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil co obxectivo de mellorar a súa operatividade e adaptar o seu funcionamento a un marco normativo máis actualizado. O proceso quedou pechado tras a aprobación dun novo regulamento municipal, que non recibiu alegacións durante o prazo de exposición pública.
A agrupación conta agora con 30 voluntarios en activo, o máximo permitido pola normativa local. Segundo explica o Goberno municipal, esta cifra considérase suficiente para atender as necesidades operativas do municipio e garantir un servizo eficaz. A selección dos integrantes realizouse tendo en conta a súa antigüidade na agrupación e, ademais, creouse unha listaxe de agarda para cubrir posibles baixas no futuro.
A limitación do número de efectivos responde ás características demográficas de Curtis, así como a criterios de operatividade e sustentabilidade financeira. A directiva da agrupación xa coordinou coa Dirección Xeral de Emerxencias e Interior a reestruturación do cadro de voluntarios, en cumprimento da nova normativa.
O regulamento aprobado define a estrutura organizativa da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, os dereitos e deberes dos seus membros, os requisitos de acceso, o réxime de formación e o procedemento sancionador. A agrupación, con sede no Recinto Feiral de Curtis, ten como principal misión colaborar en tarefas de prevención e protección da cidadanía ante situacións de emerxencia.
O alcalde, Javier Caínzos, destacou que esta reorganización supón 'un paso importante' para que o colectivo traballe 'con todas as garantías e coa mellor organización posible'. O rexedor subliñou que o obxectivo final é mellorar a seguridade de todos os veciños e veciñas do municipio.