Protección Civil busca reforzos para sumar novos voluntarios en Oleiros

ACoruñaXa
A agrupación, fundada en 1993, conta actualmente con 20 persoas voluntarias e colabora co Servizo Municipal de Emerxencias, a Policía Local e a Garda Civil
OLEIROS protección civil
11 Jun 2026

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Oleiros abriu un chamamento á veciñanza para incorporar novas persoas ao seu equipo. A entidade, creada no ano 1993, conta na actualidade con 20 voluntarios e voluntarias que participan de maneira activa en diferentes dispositivos de apoio e prevención no municipio.

O seu labor desenvólvese en coordinación co Servizo Municipal de Emerxencias, a Policía Local e a Garda Civil, e abrangue actuacións moi diversas. Entre elas destacan os dispositivos preventivos en eventos deportivos, tanto terrestres como marítimos, a presenza en festas populares e concentracións multitudinarias, a vixilancia ante alertas meteorolóxicas ou a colaboración en buscas de persoas desaparecidas.

Desde a agrupación subliñan o carácter preventivo do seu traballo, centrado en garantir a seguridade da cidadanía e reducir riscos antes de que se produzan situacións de emerxencia.

As persoas interesadas en formar parte de Protección Civil Oleiros poden poñerse en contacto a través do correo electrónico avpcoleiros@gmail.com. Non é preciso contar con experiencia previa. O único requisito é ter vontade de aprender, colaborar e axudar á veciñanza.

0.12065982818604