Preto de 400 persoas participan na ximnasia de mantemento de Betanzos, que se imparte en oito centros municipais

A ximnasia de mantemento, unha iniciativa municipal dirixida ás persoas maiores, experimentou un notable crecemento nos últimos anos. Esta actividade, que non ten custo ningún para quen a practica, suma na actualidade 390 usuarios e usuarias, fronte aos 120 que a seguían en 2023. Este incremento foi da man dunha ampliación da oferta, que pasou de 8 a 20 grupos nese mesmo período.
Este programa intégrase dentro dun conxunto máis amplo de iniciativas pensadas para a poboación de maior idade, entre as que figuran a 'Escola de Costas', a 'Universidade Sénior' e os talleres de memoria organizados polos Servizos Sociais, a maiores da colaboración habitual coa Asociación de Xubilados. O obxectivo común de todas estas propostas é favorecer un envellecemento activo, promover a autonomía das persoas maiores e reforzar os vínculos sociais entre elas. Dentro deste abano, a ximnasia de mantemento destaca pola súa achega á saúde física, á mobilidade e ao benestar emocional dos participantes.
Un dos aspectos máis destacados desta ampliación foi a súa extensión ao ámbito rural. Este curso incorporouse por primeira vez a parroquia de Infesta, respondendo así a unha demanda formulada polos propios veciños. No resto de puntos onde xa se desenvolvía a actividade, o número de clases duplicouse ou mesmo triplicouse dende 2023, en función da demanda en cada zona, e ofrécense tanto en quenda de mañá como de tarde para facilitar que máis persoas poidan apuntarse.
O crecente interese veciñal reflíctese tamén na evolución das solicitudes recibidas: 160 en 2023, 350 en 2024, 380 en 2025 e máis de 600 no presente curso. De todas as peticións recibidas este ano, unicamente 26 persoas, un 6,3 %, quedaron sen praza. Segundo se explica, isto non se debeu a unha falta xeral de prazas dispoñibles, senón a que nos centros concretos onde estas persoas querían apuntarse non quedaba sitio, e ningunha das alternativas que se lles ofreceu —nalgúns casos en locais con prazas libres— se axustaba ás súas circunstancias persoais. En calquera caso, asegúrase que todas as solicitudes recibidas foron atendidas dalgunha forma.
Estes datos contradín as cifras que dera a coñecer recentemente o BNG, que falaba de 200 persoas sen praza. Fronte a esa afirmación, precísase que na actualidade só hai 26 persoas en lista de espera, ás que se lles propuxo comezar a actividade noutra localización con prazas dispoñibles, oferta que rexeitaron. En canto ás críticas sobre unha suposta falta de planificación, defénse que, precisamente nos locais onde se detectou maior demanda, se incrementou o número de grupos para poder atender as solicitudes veciñais.
A actividade desenvólvese nos locais de Betanzos centro, A Condesa, Infesta, Piadela, A Ribeira, Saavedra Meneses, San Martiño e Xanrozo. Este curso sumouse unha clase adicional no Liceo, na Condesa e en San Martiño. O local Pintor Seijo Rubio resérvase de forma preferente para a Asociación de Xubilados, aínda que as prazas que queden libres poden ser ocupadas por outros veciños interesados.
Como novidade deste curso, e tamén por petición dos veciños, a inscrición puido realizarse por tres vías diferentes: de forma presencial no Liceo, en horario de mañá e de tarde; mediante un formulario dispoñible na páxina web e nas redes sociais municipais; ou por teléfono, a través dun número habilitado especificamente para esta actividade. Ademais, persoal municipal desprazouse ata zonas rurais como Xanrozo para recoller alí mesmo as inscricións dos interesados.
O curso comezou o 1 de outubro —un ano máis adiantouse o inicio— e prolongarase ata o 31 de maio. Á marxe deste programa, tamén se conceden axudas económicas para que as asociacións veciñais poidan organizar nos seus locais sociais outras actividades, como memoria, labores, bolillos, cestaría ou pilates.
Dende o goberno local sinálase a intención de seguir medrando tanto en calidade coma en número de participantes, aínda que de forma sostible e axustada á demanda real, co fin de garantir que o programa siga sendo viable no tempo. Con esta ampliación consolídase así unha aposta pola atención ás persoas maiores e por achegar servizos de calidade a todas as zonas do municipio, incluídas as máis afastadas do centro.