Portos de Galicia prevé iniciar na primavera as dragaxes dos portos de Miño e Pontedeume

A presidenta de Portos de Galicia, Natalia Botana, informou este martes no Parlamento galego do calendario previsto para as dragaxes nos portos de Barallobre, en Fene, Miño e Pontedeume, así como do estado dos estudos relativos á actuación prevista en Lorbé, en Oleiros.
Durante a súa intervención na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo, Botana confirmou que os traballos de dragaxe no peirao de Barallobre remataron a finais de outubro. A actuación beneficia a 110 embarcacións pesqueiras e marisqueiras da terceira lista e permite recuperar o calado perdido pola acumulación de sedimentos desde a construción dos pantaláns. Esta situación provocaba que os módulos do dique flotante chegasen a tocar o fondo durante determinados momentos das mareas vivas.
As obras de Miño e Pontedeume, que forman parte do mesmo proxecto, teñen previsto comezar de maneira simultánea na próxima primavera, sempre que as condicións meteorolóxicas permitan a súa execución. En conxunto, as tres intervencións beneficiarán case 300 embarcacións profesionais e de náutica recreativa.
O investimento de Portos de Galicia para estas dragaxes ascende a 940.000 euros. A esta cantidade súmanse outros 120.000 euros destinados aos estudos ambientais previos e 235.000 euros para o programa de vixilancia ambiental.
Máis actuacións en Barallobre
A presidenta de Portos de Galicia tamén comunicou o remate das obras de reforzo do abrigo do porto de Barallobre, destinadas a protexer as instalacións de amarre fronte aos temporais. Esta intervención contou cun investimento de 900.000 euros.
Ademais, esta mesma semana comezarán os traballos de estabilización do noiro que rodea a lonxa, unha actuación que se executa a petición da confraría de pescadores.
500.000 euros para demoler dúas naves en Celeiro
Na mesma comisión parlamentaria, Natalia Botana ratificou o compromiso de Portos de Galicia coa demolición de dúas naves en desuso situadas no peirao norte de Celeiro. O ente público reservou unha partida de 500.000 euros nunha única anualidade para acometer os traballos en 2027.
A previsión é licitar as obras durante o primeiro trimestre do próximo ano.