O atraso da dragaxe do porto de Miño chega ao Parlamento

O BNG rexistrou no Parlamento de Galicia unha batería de iniciativas para reclamar á Xunta a execución inmediata da dragaxe do porto de Miño e pedir explicacións polos atrasos acumulados nunha actuación que, segundo lembra a formación nacionalista, estaba prevista para a primavera de 2026 e continúa sen comezar.
A deputada Mercedes Queixas criticou que o Goberno galego non cumprise os prazos que el mesmo fixara para unha obra que fora presentada como prioritaria debido á perda de calado que sofre o porto desde hai anos. Por iso, o Bloque solicita que a Xunta explique os motivos do atraso e concrete cando ten previsto iniciar os traballos.
A Consellería do Mar anunciara no pasado mes de febreiro un investimento de 1,3 millóns de euros para as dragaxes dos portos de Miño, Barallobre e Pontedeume, situando a actuación na dársena miñense como a primeira en executarse. Con todo, unha vez rematada a primavera, as obras seguen sen iniciarse, malia que xa foran contratadas e presentadas como unha intervención prioritaria.
O portavoz municipal do BNG en Miño, Alberte G. Nicolás, advertiu de que esta situación está a provocar prexuízos ás persoas usuarias do porto. Segundo explicou, moitas embarcacións necesitan planificar con antelación a súa saída para facilitar a dragaxe e algunhas xa trasladaron o seu amarre a outros portos ou permanecen en terra á espera dunha solución.
Desde a formación nacionalista lembran que a perda de calado dificulta tanto a actividade profesional como a recreativa, complica as manobras e pode afectar á seguridade da navegación. Por este motivo, reclaman que a Xunta deixe de adiar a actuación e execute a dragaxe 'canto antes' para resolver un problema que consideran histórico no porto de Miño.