Pontón propón comprar vivendas baleiras para crear un gran parque público de alugueiro social

GaliciaXa | ACoruñaXa
A líder do BNG defende mobilizar os máis de 90.000 pisos desocupados nas cidades galegas, mentres Néstor Rego reclama topar os prezos dos alugueiros e das hipotecas
A CORUÑA ana ponton vivenda
10 Nov 2026

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, defendeu na Coruña a compra masiva de vivendas baleiras para incorporalas a un gran parque público de alugueiro social. A proposta forma parte das medidas que a formación nacionalista presenta para facer fronte á crise habitacional, xunto coa limitación dos prezos dos alugueiros e das hipotecas.

Pontón trasladou esta iniciativa nun encontro con veciños e veciñas do barrio da Agra do Orzán, no que estivo acompañada polo cabeza de lista do BNG ao Congreso pola Coruña, Néstor Rego. Segundo indicou, nas cidades galegas hai máis de 90.000 pisos baleiros que poderían mobilizarse mediante a compra de inmobles xa construídos para destinalos ao alugueiro social.

A líder nacionalista cuestionou tamén que o Estado non poña á disposición da cidadanía galega as arredor de 3.000 vivendas que ten na Sareb. Como exemplo doutras políticas de vivenda, citou Viena, onde hai 222.000 vivendas públicas en alugueiro, fronte ás menos de 4.000 que, segundo os datos achegados polo BNG, existen en Galicia. Pontón lembrou que máis da metade da vivenda protexida da cidade austríaca está destinada ao alugueiro.

Durante o encontro, a portavoz do Bloque responsabilizou tanto ao Goberno central como á Xunta da situación actual e acusounos de non adoptar medidas suficientes para garantir o acceso á vivenda. Tamén criticou a xestión de Alberto Núñez Feijóo durante a súa etapa como presidente da Xunta e asegurou que entre 2015 e 2022 só se entregaron 15 vivendas de alugueiro social.

Pola súa banda, Néstor Rego puxo o foco na necesidade de transferir a Galicia os inmobles da Sareb, máis de 3.200 segundo as cifras que manexa o BNG, para incorporalos a un parque público con prezos sociais. A formación asegura que levou esta proposta ao Congreso, pero que non contou co apoio do PP nin do PSOE.

O deputado tamén reclamou limitar os prezos dos alugueiros e das hipotecas e prohibir por lei a especulación inmobiliaria. Ademais, criticou a falta de transparencia sobre os inmobles da Sareb en Galicia e denunciou que miles de activos permanecen sen uso mentres a entidade comercializa propiedades a prezos de mercado.

Rego cuestionou tamén o lanzamento do portal Casa47, ao que atribuíu unha oferta de só 96 vivendas para Galicia, fronte ás máis de 100.000 que, segundo lembrou, prometera o Goberno de Pedro Sánchez para esta lexislatura. O nacionalista defendeu que se incorporen á xestión galega as propiedades da Sareb e do Ministerio de Defensa para facilitar o acceso a unha vivenda a mozos, familias traballadoras e persoas en situación de vulnerabilidade.

0.098011016845703