Policía Local e Emerxencias de Oleiros reforzan a súa formación ante condutas suicidas

O persoal da Policía Local e do Servizo Municipal de Emerxencias de Oleiros participou en tres xornadas de formación especializada para mellorar a intervención ante condutas suicidas e situacións de crise. A iniciativa, organizada polo Concello, abordou técnicas e protocolos para actuar en escenarios nos que pode estar en risco a vida das persoas.
O curso foi impartido por Carmelo Vega Terceño, especialista en prevención e intervención en condutas suicidas e antigo xefe supervisor dos Bombeiros da Comunidade de Madrid. Durante as sesións traballáronse aspectos como a comunicación, a negociación, os primeiros auxilios psicolóxicos e os protocolos de actuación ante situacións de risco.
A formación incluíu tamén simulacións prácticas para trasladar os coñecementos a posibles intervencións reais. O obxectivo é mellorar a coordinación entre a Policía Local e Emerxencias e favorecer actuacións máis seguras e eficaces.
Con esta iniciativa, o Concello busca seguir avanzando na preparación e especialización dos profesionais municipais que interveñen en emerxencias e situacións de especial vulnerabilidade.