Reclaman sancións polo funcionamento do SAF nas fins de semana en Cambre

O PSOE de Cambre reclamou ao Concello a apertura dun expediente sancionador contra a empresa adxudicataria do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), Protección Geriátrica 2005, despois de que se coñecese que non conta con persoal suficiente para cubrir a atención durante as fins de semana.
O portavoz socialista, Diego Alcantarilla, cualificou a situación de 'gravísima' e asegurou que confirma as queixas que familias e traballadoras viñan trasladando nos últimos meses. Ao seu xuízo, o goberno local tiña coñecemento dos problemas e deixou que o servizo se deteriorase ata afectar a persoas maiores e dependentes.
Os socialistas lembran que o SAF é un servizo esencial e que o Concello ten a obriga de fiscalizar o contrato, garantir a atención ás persoas usuarias e actuar se a concesionaria non cumpre coas condicións establecidas. Por iso, reclaman acceso aos informes técnicos sobre incidencias, cobertura de persoal e cumprimento do servizo.
Alcantarilla tamén puxo o foco na situación dos Servizos Sociais municipais, que, segundo denuncia, levan tempo saturados pola falta de persoal e pola non cobertura de baixas e vacantes. O PSOE considera que o goberno local non pode escudarse nos técnicos municipais, xa que a responsabilidade de dotar os departamentos de medios corresponde ao executivo.
A formación reclama ademais un plan de continxencia urxente para asegurar a cobertura durante toda a semana e evitar novas incidencias. Tamén pide que se depuren responsabilidades políticas pola xestión dun servizo que atende a persoas vulnerables e que, segundo os socialistas, precisa estabilidade, control e garantías.