Paderne reforza o apoio escolar cun novo programa gratuíto para alumnado de Infantil, Primaria e Secundaria

O alumnado de Educación Infantil, Primaria e Secundaria de Paderne contará durante o curso 2026-2027 cun novo programa municipal de actividades de reforzo educativo. A iniciativa, financiada integramente polo Concello de Paderne, será totalmente gratuíta para as familias e busca facilitar o apoio académico ao tempo que ofrece un espazo de acompañamento e motivación para as rapazas e rapaces participantes.
A programación desenvolverase en horario de tarde, entre as 16.00 e as 20.00 horas, segundo a actividade, e terá como escenarios a Biblioteca e Aula de Informática e o local de actividades situado na planta baixa do Concello.
A oferta inclúe diferentes materias adaptadas ás distintas etapas educativas. O alumnado de Secundaria poderá participar en Inglés ESO e Matemáticas ESO, mentres que para Primaria haberá clases de Inglés, Matemáticas e Lingua. Os máis pequenos tamén terán a súa propia actividade de Inglés Infantil.
O programa complétase con formación informática, con sesións de Iniciación á Informática e Perfeccionamento de Informática, ademais de actividades de Lingua Castelá e Lingua Galega para Educación Primaria.
A distribución semanal contempla actividades de luns a venres. Entre as propostas figuran clases de inglés para diferentes cursos de Primaria e ESO, matemáticas, linguas e informática. Os horarios detallados poden consultarse nas canles oficiais do Concello.
O alcalde de Paderne, Sergio Platas, destacou o carácter educativo e social desta iniciativa e asegurou que o obxectivo vai máis alá de reforzar os coñecementos adquiridos nas aulas.
'Desde o Concello entendemos que investir en formación e en actividades de apoio é facelo no futuro do noso municipio', sinalou o rexedor, que tamén agradeceu a implicación das persoas profesionais, das familias e das entidades que colaboran no proxecto.
Platas subliñou ademais que o programa pretende converterse nun espazo no que o alumnado poida avanzar academicamente pero tamén desenvolver capacidades persoais. 'Con esta iniciativa reafirmamos o noso compromiso coa educación, coa cultura e coa cohesión social', afirmou, destacando a importancia de ofrecer acompañamento e motivación ás rapazas e rapaces de Paderne.