Paderne reclama á Xunta comedores escolares nas unitarias para atender máis de 20 familias

O Concello de Paderne volve reclamar á Xunta de Galicia a posta en marcha do servizo de comedor escolar nas escolas unitarias do municipio, unha demanda que, segundo o goberno local, leva anos trasladando á Administración autonómica sen obter unha solución. O alcalde, Sergio Platas, denuncia que esta situación afecta a máis de 20 familias e sitúa o alumnado nunha posición de desigualdade respecto ao doutros municipios da contorna.
O rexedor lembra que o Concello realizou numerosas peticións formais para conseguir este servizo, a última delas mediante un escrito remitido o pasado 3 de setembro. Porén, asegura que a demanda continúa sen resposta efectiva.
Desde o goberno local consideran que o comedor escolar é un recurso necesario para facilitar a conciliación da vida laboral e familiar e garantir a igualdade de oportunidades entre o alumnado. A ausencia deste servizo, sinalan, dificulta que as familias poidan optar polas escolas unitarias en condicións equiparables ás doutros centros educativos.
"Estamos a falar dun dereito de máis de vinte familias e das nenas e nenos de Paderne. Ano tras ano trasladamos esta petición á Xunta e ano tras ano atopámonos coas mesmas dificultades. Necesitamos unha solución e o alumnado das nosas escolas unitarias merece dispoñer dos mesmos servizos e oportunidades que o resto", afirma Sergio Platas.
Familias que matriculan os seus fillos fóra de Paderne
O alcalde asegura que a falta de comedor levou algunhas familias a matricular os seus fillos e fillas en centros educativos de municipios limítrofes que si dispoñen deste servizo. Platas, que xa denunciara publicamente a situación en setembro, antes do inicio do curso, nunha das escolas unitarias do municipio, a de Viñas, considera que esta diferenza supón un agravio comparativo para as familias padernesas.
A ausencia de comedor engade dificultades para compatibilizar os horarios escolares cos laborais, especialmente nos fogares nos que os proxenitores precisan deste recurso para organizar o seu día a día.
O Concello advirte, ademais, de que esta carencia pode dificultar a incorporación de novo alumnado ás escolas unitarias e poñer en risco a continuidade destes centros, que desempeñan un papel relevante tanto na educación como na vida social do rural.
O Concello pide unha solución estable
O goberno municipal defende que o mantemento e o reforzo dos servizos educativos no rural deben ser unha responsabilidade compartida polas administracións públicas. Ao seu xuízo, vivir nun municipio rural non debe supoñer maiores dificultades para acceder aos recursos educativos nin para conciliar a vida familiar e laboral.
Por este motivo, insta á Xunta a atender a reivindicación e habilitar o servizo de comedor nas escolas unitarias de Paderne mediante unha solución estable e adaptada ás necesidades do alumnado e das súas familias.
"Non pedimos un privilexio; pedimos igualdade. As nenas e os nenos das nosas escolas unitarias teñen os mesmos dereitos que calquera outro alumno ou alumna de Galicia, e as súas familias teñen dereito a contar con recursos que lles permitan conciliar. Desde o Concello seguiremos reclamándoo ata conseguir unha solución", conclúe o rexedor.