Paderne mellorará a estrada entre Brión e Vigo cun investimento de máis de 112.000 euros

ACoruñaXa
A Deputación da Coruña financiará o 80 % dunha actuación que renovará o firme e reforzará a seguridade viaria nesta vía municipal
DIPU CORU paderne
3 Jul 2026

A Deputación da Coruña e o Concello de Paderne investirán 112.590,88 euros na mellora e pavimentación da estrada municipal que comunica os lugares de Brión e Vigo. O convenio de colaboración para executar esta actuación foi asinado este venres polo presidente provincial, Valentín González Formoso, e o alcalde de Paderne, Sergio Platas.

Do investimento total, a Deputación achegará un máximo de 90.072,70 euros, o que supón o 80 % do custo da obra, mentres que o Concello asumirá o importe restante con fondos propios.

A actuación permitirá renovar de forma integral a capa de rodadura dunha estrada que presenta un importante deterioro, con numerosas fochancas e fendas que dificultan a circulación e comprometen a seguridade viaria.

Os traballos incluirán a limpeza da superficie mediante cepillos de arame, o estendido dunha nova capa de mestura bituminosa en quente, o pintado de novas marcas viarias reflectantes e a colocación da correspondente sinalización vertical.

Durante a sinatura do convenio, o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que este tipo de investimentos reflicten o compromiso da institución provincial coa mellora das infraestruturas municipais e coa calidade de vida no rural. Segundo indicou, contar con estradas en boas condicións resulta fundamental para garantir unhas comunicacións seguras e facilitar o día a día da veciñanza.

Pola súa banda, o alcalde de Paderne, Sergio Platas, agradeceu o apoio económico da Deputación e subliñou que a actuación permitirá mellorar o tráfico nesta parroquia e beneficiar a numerosas veciñas e veciños. O rexedor tamén destacou que a colaboración da institución provincial resulta esencial para que concellos de menor tamaño poidan executar proxectos deste tipo, que serían difíciles de afrontar unicamente con recursos municipais.

0.13396382331848