Paderne inviste máis de 40.000 euros para axudar ás familias con persoas dependentes

ACoruñaXa
O goberno local vén de adquirir unha nova remesa de material para axudas técnicas, que prestará de balde ás familias do municipio con persoas dependentes
Imaxe da casa do Concello de Paderne
Imaxe da Casa do Concello de Paderne
7 Out 2024

O Concello de Paderne vén de adquirir unha nova remesa de material para axudas técnicas, que prestará de balde ás familias do municipio con persoas dependentes. O equipo dirixido por Sergio Platas, a través da Concellería de Servizos Sociais responsabilidade de Marisa Abrodos, investiu case 41.000 na compra de sete novas camas articuladas con carro elevador, sete colchóns viscoelásticos, cinco colchóns antiescaras e cinco cadeiras de ducha.

Unha vez o pedido deste material estea nas dependencias municipais, o Concello informará a través de todas as súas canles de comunicación para que as familias con persoas ao cargo que precisen destas ferramentas técnicas para mellorar a súa vida e facilitar o seu coidado poidan solicitar o seu aluguer nas dependencias do Concello sen custo algún. Para garantir a autonomía persoal e a adaptación funcional do fogar o antes posible, o prazo de entrega do material é dun día.

Os 40.933 euros que, de xeito exacto, inviste o Concello de Paderne para ferramentas técnicas e reforzo do servizo do SAF veñen financiados pola partida do Plan Adicional 2024 da Deputación da Coruña. A proposta do equipo de goberno, o pleno municipal acordou destinar estes recursos deste xeito na sesión plenaria do pasado mes de febreiro. Aquel punto da orde do día contou cos votos a favor dos edís do PSdeG-PSOE, BNG e do concelleiro non adscrito. Mentres, os representantes do PP votaron en contra.

A concelleira de Servizos Sociais, Marisa Abrodos, recalca que o Concello de Paderne destina todas as partidas posibles á política social, xa que se trata “dunha prioridade dentro do xeito de facer política deste goberno”. “Este préstamo gratuíto de acudas técnicas é un servizo tremendamente necesario, xa que ofrecemos material dun custo que non é factible para todas as economías. Unha proba é a alta demanda que estamos a ter non só na solicitude de aluguer destas ferramentas técnicas, senón do resto de iniciativas que poñemos en marcha”, finaliza.

0.20930695533752