Paderne inviste 47.512,17 euros na reforma integral de tres decantadoras de auga

ACoruñaXa
A reforma acometeuse nunha instalación construída en San Pantaleón e noutras dúas ubicadas en Souto á espera de avances con Consellería de Infraestruturas para a futura EDAR no Porto
Imaxe dunha das decantoras de auga do municipio
Imaxe dunha das decantoras de auga do municipio
19 feb 2024

O Concello de Paderne vén de executar a reforma integral de tres decantadoras municipais para mellorar o sistema de verteduras no municipio. Trátanse, concretamente, dunha instalación construída en San Pantaleón e outras dúas ubicadas en Souto que se atopaban en mal estado.

As obras de mellora consistiron no peche perimetral e cementado da súa contorna, ademais da substitución dos motores e do sistema de filtrado para evitar as verteduras impuras, pois a esas instalacións derivan as redes de sumidoiros.

Deste xeito, cun investimento de 47.512,17 euros financiado de xeito íntegro polas arcas municipais, o Concello de Paderne executou un proxecto que cristalizará nun evidente impulso ao saneamento do municipio.

Algo que é preciso mentres non se poña en marcha a construción da futura Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) no Porto, o vello desexo na localidade e o un dos grandes obxectivos deste equipo de goberno, que traballa para arrincar de xeito definitivo esta aspiración. “A nosa ambición é construír a depuradora e foi un tema que retomamos. Pero é un proxecto embrionario, que require tempo. E mentres tanto, non podemos estar de brazos cruzados”, apunta o alcalde de Paderne, Sergio Platas.

O executivo local está pendente de reunirse coa Consellería de Infraestruturas, despois de trasladarlle a cuestión da titularidade dos terreos ao Goberno de España durante a visita a Paderne do delegado, Pedro Blanco, no pasado mes de decembro.