Paderne impulsa cursos de formación dixital gratuíta para a mocidade

ACoruñaXa
A iniciativa “Campamento Digit@l” ofrecerá dous cursos adaptados para mozos e mozas de entre 9 e 17 anos, con inscrición aberta ata o 16 de decembro
Imaxe de ordenadores
28 Nov 2024

O Concello de Paderne, en colaboración coa Fundación Cibervoluntarios, pon en marcha o “Campamento Digit@l”, un proxecto de formación gratuíta en competencias dixitais dirixido á mocidade de 9 a 17 anos. A iniciativa desenvolverase entre xaneiro e abril do 2025 na Aula de Informática da Casa Consistorial, dividida en dous grupos con actividades e contidos adaptados a cada franxa de idade.

O primeiro curso, destinado a nenos e nenas de 9 a 13 anos, contará cun total de 30 horas de formación e terá lugar os sábados desde o 11 de xaneiro ata o 1 de marzo, en horario de 10:00 a 14:15 horas. Para o grupo de 14 a 17 anos, a formación será de 24 horas e celebrarase tamén os sábados, entre o 8 de marzo e o 12 de abril, no mesmo horario.

Os contidos inclúen o uso de ferramentas dixitais, a creación de contrasinais seguros, a detección de información falsa para evitar ‘fake news’, recomendacións para un uso saudable das pantallas, estratexias para previr o ciberacoso e habilidades dixitais orientadas á busca de emprego.

A inscrición está aberta ata o 16 de decembro e pode formalizarse chamando á Casa Consistorial. “Este campamento é unha oportunidade única para que os nosos mozos e mozas melloren as súas competencias dixitais e se preparen para os retos tecnolóxicos do futuro”, destacou o Concello.

0.16145396232605