Paderne enaltece a súa D.O. Branco Lexítimo con dúas xornadas de festa

Os rueiros da aldea de Esperela, en Paderne, locen fachendosos para recibir un ano máis o evento estrela en todo o municipio. Xa está aquí a III edición da Feira do GastroLexítimo, un evento co que o Concello busca enaltecer e poñer en valor a súa tradición gastronómica e vitivinícola cun claro elemento vehicular: a Denominación de Orixe Branco Lexítimo.
Sergio Platas, alcalde da localidade, e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, foron os encargados de ofrecer esta mañá os discursos inaugurais. O pregón correu a cargo da actriz Lucía Veiga. Centos de veciños, veciñas e visitantes presenciaron este pistoletazo de saída.
“Esta feira é unha celebración da nosa identidade, da nosa historia, do noso patrimonio e sobre todo, do esforzo colectivo dun pobo que soubo preservar unha das súas maiores riquezas”, comezaba Platas a súa intervención, quen destacou “que de xeito altruísta, a veciñanza nos cede completamente de balde as súas terras para que poidamos gozar deste festexo tan senlleiro.”
“Hoxe reunímonos arredor do Branco Lexítimo, unha variedade de uva que forma parte da alma de Paderne. Un viño que durante xeracións acompañou a vida das nosas familias, o traballo das nosas terras e os momentos máis importantes da nosa comunidade. Un viño que fala da nosa paisaxe, do noso clima, da sabedoría acumulada polos nosos viticultores e dunha forma de entender o territorio profundamente vencellada ás raíces”, proseguía o primeiro edil.
“A historia do Branco Lexítimo é tamén unha historia de resiliencia e compromiso. Houbo tempos nos que esta variedade estivo a piques de desaparecer, cando as dificultades do sector e os cambios produtivos ameazaban con facer esquecer un legado construído ao longo dos séculos, e grazas á teimosía, ao coñecemento e ao amor pola terra dos nosos viticultores e viticultoras, esta variedade non só sobreviviu, senón que conseguiu recuperar o lugar que lle corresponde. Porque cando brindamos cunha copa do noso Bran o Lexítimo non só o facemos por un viño excepcional. Brindamos pola nosa historia, pola nosa terra e pola nosa xente. Moitas grazas a todos e a todas, e queda oficialmente inaugurada a III Feira Gastro Lexítimo de Paderne. Saúde e moi boa feira para todos”, concluíu.
Entre das autoridades que acudiron ao acto estiveron o subsecretario de Educación, Formación Profesional e Deportes, Santiago Antonio Roura Gómez, Rosa Ana García López, deputada provincial, responsable da área de Empleo, Industria e Medio Ambiente, os alcaldes e alcaldesas dos municipios de Abegondo, Betanzos, Carral, Miño, Oleiros, e concelleiros do Concello de Bergondo, así como a xerente de GALP Golfo Ártabro Norte, Tamara Tilve.
O domingo, 5 de xullo, comezará coa saída do trail GastroLexítimo-Pablo Teijo ás 9:00 horas, no que participarán ao redor de 500 deportistas chegados de tódolos puntos de Galicia. A feira abrirá ás 11:00 horas e media hora máis tarde, ás 11:30 horas, arrincarán os talleres infantís a cargo de Begoña Vázquez e Xulio Mato.
Alejandro Paadin liderará unha cata por parellas ás 13:45 horas e ás 14:00 horas entregaranse os trofeos do trail, con animación de rúa a cargo da Banda de Gaitas de San Pantaleón.
A apertura gastronómica está prevista para as 14:30 horas, con talleres e xogos para a rapazada novamente ás 16:00 hroas e a clausura ás 17:00 horas.