Paderne aproba destinar 47.200 euros do Plan Único Social a gastos extraordinarios en Servizos Sociais

ACoruñaXa
O pleno extraordinario deu luz verde por unanimidade a unha partida que permitirá mercar axudas técnicas, reforzar obradoiros de memoria e garantir podoloxía, fisioterapia e terapia ocupacional
PADERNE convenio
9 Jan 2026

O Concello de Paderne aprobou nunha sesión plenaria extraordinaria, a aplicación de 47.189,95 euros do Plan Único Social da Deputación da Coruña a gastos extraordinarios vinculados á atención social. A proposta saíu adiante co voto favorable de todos os grupos da corporación.

Segundo a previsión do departamento municipal de Servizos Sociais, unha parte relevante do investimento orientarase á compra de material de apoio para persoas con necesidades de mobilidade e coidados. En concreto, o Concello prevé adquirir 9 camas articuladas con colchón, 5 cadeiras para ducha e wc, 8 guindastres e 4 arneses, 10 colchóns antiescaras e 1 incorporador de cama.

O acordo tamén reserva 6.540 euros para continuar coa implantación de obradoiros de adestramento da memoria, unha liña de intervención social que o Concello mantén como medida extraordinaria cando así o determine o equipo técnico. Ademais, consignaranse 502,21 euros para ampliar as partidas de axudas de emerxencia e necesidade social dirixidas a unidades de convivencia en risco de exclusión.

Outra das pezas centrais da asignación será o mantemento de tres servizos considerados indispensables, cunha dotación total de 22.825 euros: podoloxía (16.825 euros), fisioterapia (3.000 euros) e terapia ocupacional (3.000 euros).

A concelleira de Servizos Sociais, Marisa Abrodos, agradeceu “o voto favorable de todos os grupos” para canalizar “preto de 50.000 euros nun ámbito imprescindible”, e subliñou que “o investimento no social é innegociable para nós”.

O Plan Único (POS+) é o principal instrumento de cooperación municipal da Deputación da Coruña e inclúe unha liña específica para reforzar programas e servizos sociais nos concellos.

No eido social, Paderne vén traballando en iniciativas como o proxecto contra a soidade non desexada, unha temática que centrou encontros provinciais no Pazo de Mariñán (Bergondo) e na que o concello participou con experiencias locais.

⚙ Configurar cookies
0.090457201004028