Paderne anima a participar no seu primeiro concurso de fotografía, que repartirá 900 euros en premios

Quedan poucos días para participar na primeira edición do Certame de Fotografía 'Paderne: unha ollada ao paraíso', unha iniciativa coa que o Concello busca promover a participación cidadá e dar a coñecer o patrimonio cultural do municipio a través de imaxes sobre os seus espazos naturais e patrimoniais, así como aspectos etnográficos e costumistas.
O concurso repartirá un total de 900 euros en premios, distribuídos entre as categorías de móbil e cámara fotográfica. En cada unha delas premiaranse os tres primeiros postos.
As persoas interesadas poderán inscribirse ata o 15 de setembro a través da sede electrónica municipal ou nas oficinas do Concello. Poderán participar as persoas maiores de 16 anos.
Cada participante poderá presentar un máximo de tres fotografías, que poderán ser en branco e negro ou en cor. As imaxes non poderán ser editadas, salvo pequenas correccións de cor e/ou iluminación. Deberán presentarse en formato JPG, cunha resolución mínima de 300 píxeles por fotograma e un tamaño máximo de 10 MB.
Ademais, as fotografías deberán entregarse tamén en papel fotográfico, cun tamaño de 20x30 centímetros, e cada imaxe terá que contar cun título.
O certame contará cun xurado profesional composto por tres persoas, que serán as encargadas de valorar as propostas presentadas e determinar as gañadoras.
O veredicto darase a coñecer o 24 de outubro, coincidindo coa celebración do 'Día da Biblioteca', organizado polo Concello. Ademais, unha selección das fotografías presentadas formará parte dunha exposición que poderá visitarse na Casa do Concello durante un mes.
O alcalde, Sergio Platas, anima á veciñanza a participar nesta primeira edición do concurso e confía en que a iniciativa poida ter continuidade durante os próximos anos e contribuír, entre todos e todas, a crear un arquivo fotográfico que estea á altura de Paderne.