Oza Cesuras chama á veciñanza a facer un uso responsable da auga ante o aumento do consumo pola calor

O Concello de Oza Cesuras puxo en marcha unha campaña de sensibilización para promover un uso responsable da auga coincidindo co episodio de altas temperaturas destes días. Baixo o lema 'Cada gota conta', a administración local fai un chamamento á colaboración da veciñanza para empregar este recurso de forma eficiente e evitar consumos innecesarios.
Desde o Concello lembran que o incremento das temperaturas provoca tamén un maior consumo de auga, polo que consideran fundamental adoptar pequenos hábitos que contribúan a garantir a súa dispoñibilidade para toda a poboación.
Entre as recomendacións incluídas na campaña atópanse utilizar só a auga necesaria, optar pola ducha en lugar do baño, regar as plantas nas primeiras horas da mañá ou ao solpor, empregar a lavadora e o lavalouzas unicamente con carga completa e revisar posibles fugas nas instalacións domésticas, xa que poden provocar un importante desperdicio.
O goberno local insiste en que pequenos xestos do día a día poden marcar a diferenza á hora de preservar un recurso esencial, especialmente durante os períodos de maior demanda.
A campaña conclúe cunha mensaxe dirixida á cidadanía na que o Concello lembra que o coidado da auga é unha responsabilidade compartida e agradece a colaboración e o compromiso da veciñanza para contribuír a facer de Oza Cesuras un municipio máis sostible.