Os socialistas reivindican en Oleiros a súa proposta para actuar no noiro do Naval

ACoruñaXa
O PSdeG asegura que pediu no último pleno que o Concello executase a obra con urxencia e reclamase despois o custo á administración competente
OLEIROS naval
5 May 2026

O anuncio das obras para conter os desprendementos na contorna da praia do Naval, en Santa Cruz, abriu un novo capítulo no debate político de Oleiros. O grupo socialista asegura que a decisión comunicada agora polo Goberno local coincide coa proposta que trasladou no último pleno municipal: actuar primeiro para garantir a seguridade da zona e reclamar despois o importe á administración que corresponda.

Desde o PSdeG de Oleiros lembran que xa defenderan no pleno de marzo a necesidade de que o Concello asumise de forma inmediata a reparación do noiro, sen agardar a resolver antes o debate competencial con outras administracións. Segundo sinalan, a prioridade debía ser frear os desprendementos e protexer un espazo de alto uso veciñal como é a praia do Naval.

Os socialistas sosteñen que a postura anunciada agora polo Concello demostra que a vía proposta polo seu grupo era viable. 'Primeiro facer, e logo discutir', resumen desde a formación, que considera que esta fórmula permite atender con rapidez os problemas que afectan á veciñanza e abordar posteriormente a reclamación económica.

A actuación no Naval chega despois dos danos provocados polos temporais deste inverno, que destruíron o muro construído polo Concello en 1987 e causaron un importante desprendemento de terra. O Goberno local xa avanzou que executará a obra e que reclamará o seu custo a Costas ao entender que non se trata dunha competencia municipal.

O PSdeG enmarca esta reclamación dentro da súa labor de oposición, que define como firme na fiscalización do Goberno local pero tamén centrada en presentar propostas para resolver problemas concretos do municipio. A formación insiste en que o caso do Naval demostra a importancia de actuar con urxencia cando están en xogo a seguridade, o acceso aos espazos públicos e a conservación do litoral.

0.11754393577576