As obras para reparar o noiro de Naval obrigarán a restrinxir o aparcamento

O Concello de Oleiros comezará o vindeiro mércores 6 de maio os traballos de reparación do noiro de Naval, unha actuación que obrigará a establecer restricións ao aparcamento na contorna debido á necesidade de empregar unha grúa de grandes dimensións. As limitacións estarán sinalizadas na zona con antelación.
A intervención faise necesaria despois dos fortes e continuados temporais rexistrados durante este inverno, que provocaron a destrución do muro construído polo Concello no ano 1987 e un importante desprendemento de terra, duns 500 metros.
O Goberno local considera urxente acometer esta obra para garantir a seguridade e estabilizar a zona afectada. O investimento previsto ascende a 142.326,41 euros. O Concello reclamará este importe a Costas ao entender que a actuación non corresponde a unha competencia municipal.