Os sindicatos denuncian unha estratexia de presión tras a reclamación económica presentada por Gadis pola folga de San Xoán

Persoal do comercio de alimentación da provincia da Coruña concentrouse este luns diante da Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC) da Coruña para defender o dereito fundamental á folga, coincidindo coa celebración do acto de conciliación previo á demanda presentada por Gadis contra o comité de folga e as organizacións sindicais convocantes.
A compañía reclama unha indemnización de 1,25 millóns de euros polos supostos prexuízos económicos derivados das xornadas de paro realizadas durante a festividade de San Xoán no marco da negociación do convenio colectivo provincial do comercio de alimentación.
O acto de conciliación rematou sen acordo entre as partes, polo que o procedemento continuará pola vía xudicial.
Durante a concentración, as persoas participantes reclamaron un convenio provincial con melloras laborais e salariais baixo consignas como “Vivamos como escravas explotadas en confianza”, “non imos parar até negociar” ou “convenio digno, salario xusto”.
O representante da CIG na mesa de negociación, Roberto Pérez, asegurou que a demanda presentada por Gadis busca frear as mobilizacións do persoal. Ao seu xuízo, a empresa pretende “amedrentar o persoal para que cese nas súas mobilizacións polo convenio colectivo”.
Pérez cualificou de “irracional” a reclamación da compañía e afirmou que “nun contexto de convocatoria de folga totalmente legal e pacífica, pretende reclamarlle ás persoas folguistas que lle paguen polo que deixaron de ganar”. Ademais, indicou que o contido da demanda “é o relato do éxito da folga” e defendeu que “non ten ningún percorrido na vía xudicial” porque “o dereito á folga é un dereito fundamental da clase traballadora”.
O representante sindical considerou tamén que a actuación da empresa é “temeraria” e un “intento moi burdo de influír na negociación do convenio”. Neste sentido, asegurou que estas estratexias “non van funcionar” e que o persoal continuará reclamando melloras nas condicións laborais e salariais do sector.
Pola súa banda, Gadis trasladou que a iniciativa xudicial presentada pola compañía “non cuestiona o dereito de folga”. Segundo explicou a empresa, o obxecto do procedemento é que os tribunais determinen se durante o desenvolvemento das mobilizacións “se produciron determinados feitos que poidan ter excedido o exercicio lexítimo do dereito de folga e, polo tanto, fosen ilegais”, así como se destes feitos puidesen derivarse responsabilidades.
A compañía sinalou que para resolver este tipo de discrepancias existen os mecanismos de conciliación e a vía xudicial, aos que poden acudir tanto persoas como empresas cando consideran que determinados feitos deben ser analizados desde un punto de vista legal.
Gadis asegurou manter o respecto a todas as partes implicadas e afirmou que continuará defendendo as súas posicións “polas vías legais correspondentes”, ao tempo que indicou que respecta o exercicio dos dereitos sindicais e laborais.
No marco deste conflito, os sindicatos CCOO, CIG, UGT e USO manteñen convocadas tres novas xornadas de folga no comercio de alimentación da provincia da Coruña para os días 24, 25 e 26 de xullo ante a falta de avances na negociación do convenio.
Roberto Pérez explicou que na reunión celebrada o pasado venres a patronal realizou un pequeno movemento na súa proposta económica, pero sen aceptar a principal reclamación do persoal, que é unha subida salarial por enriba do IPC. “Nese punto as posturas están moi afastadas”, indicou.
O representante sindical engadiu que, tras ese encontro, chegou unha nova solicitude de mediación no AGA, unha iniciativa que cualificou de “precipitada”. Os catro sindicatos con presenza na mesa de negociación deberán decidir os próximos pasos e se aceptan ou non esa mediación.