Os servizos de emerxencias da Coruña contarán cun novo Posto de Mando Avanzado e un furgón de salvamento

ACoruñaXa
O Concello investirá máis de 1,4 millóns de euros na incorporación de dous vehículos de última xeración para reforzar a capacidade de resposta do Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento
A CORUÑA bomberos
7 Aug 2026

O Concello da Coruña reforzará os medios materiais do Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento (SEIS) coa adquisición dun novo Posto de Mando Avanzado (PMA) e dun Furgón de Salvamentos Varios, unha actuación que suporá un investimento superior aos 1,4 millóns de euros.

O novo Posto de Mando Avanzado, cun orzamento base de licitación de 713.726,43 euros, funcionará como un centro móbil de coordinación para grandes emerxencias. O vehículo estará equipado con sistemas de comunicación e tecnoloxía de última xeración, unha sala de comunicacións, unha sala de reunións, estación meteorolóxica e todos os recursos necesarios para dirixir operativos sobre o terreo.

Ademais da subministración do vehículo, o contrato inclúe un servizo integral de mantemento tanto do equipamento mecánico como dos sistemas tecnolóxicos, informáticos e de comunicacións, garantindo así o seu correcto funcionamento durante toda a súa vida útil.

A este investimento súmase a adquisición dun Furgón de Salvamentos Varios, cun orzamento de 697.028,98 euros, destinado a intervencións en diferentes contornas e condicións ambientais. O vehículo incorporará equipamento especializado, sistema eléctrico específico, arranque adaptado a baixas temperaturas e unha capacidade mínima de tracción de 6.000 quilogramos. O prazo de entrega previsto será de 15 meses desde a formalización do contrato.

A concelleira de Seguridade Cidadá e Mobilidade, Montserrat Paz, destacou que este investimento permitirá seguir mellorando os recursos dos servizos de emerxencias. Segundo sinalou, dotar aos profesionais dos mellores medios supón incrementar a seguridade da cidadanía e mellorar a capacidade de resposta nas intervencións.

0.11959505081177