Os rapaces do CEIP San Marcos convértense nos novos concelleiros de Abegondo

ACoruñaXa
Os alumnos de 2º de Primaria do CEIP San Marcos tomaron posesión este venres durante unha visita ao Concello onde o alcalde resolveu algunhas das súas dúbidas sobre o municipio
Os alumnos do CEIP San Marcos visitaron esta mañá de venres o Concello de Abegondo
Os alumnos do CEIP San Marcos visitaron esta mañá de venres o Concello de Abegondo
16 feb 2024

O Concello de Abegondo conta, desde esta semana, cunha nova corporación municipal. Os concelleiros e concelleiras, que tomaron posesión esta mañá, son os alumnos de 2º de Primaria do CEIP San Marcos. O alcalde, José Antonio Santiso, e o concelleiro de Urbanismo, Infraestruturas e Obras, Alberto Seoane, déronlles a benvida aos edís e aproveitaron para explicarlles o funcionamento do Concello e do pleno municipal.

Na actividade tomaron parte preto de 40 pequenos de entre 7 e 8 anos que puideron, non só conversar co rexedor, senón tamén visitar as instalacións municipais.

Durante a xornada os nenos e nenas tiveron ocasión tamén de expor as súas dúbidas a Santiso. Ademais de sobre o funcionamento do Concello, os pequenos interesáronse polo estado dalgunhas obras, como as do futuro centro de saúde. Así mesmo, puideron expor melloras nalgunhas instalacións municipais. Entre as solicitudes, os mozos e mozas pediron que houbese máis libros na biblioteca do colexio e a dotación de máis xogos en parques infantís.

O alcalde popular, José Antonio Santiso, atendeu ás súas múltiples preguntas, que lle realizaron con moita ilusión. Non deixaron tema sen tocar, pero sobre todo incidiron na forma de funcionar do Concello, aínda que tamén lle abordaron cuestións máis persoais. Santiso confesou aos estudantes que, antes de ser alcalde de Abegondo, dedicouse tamén ao ensino “podería ter sido ou voso mestre”.