Os Museos Científicos da Coruña adiantarán o peche o 12 de agosto pola eclipse solar

ACoruñaXa
O Aquarium Finisterrae, a Casa das Ciencias e a Domus pecharán ás 18.00 horas para facilitar o operativo previsto durante un dos grandes acontecementos astronómicos do ano
Imaxe do Museo da Casa das Ciencias na Coruña
9 Aug 2026

Os Museos Científicos da Coruña modificarán o seu horario habitual o vindeiro mércores 12 de agosto con motivo da eclipse solar total que poderá observarse desde a cidade. O Aquarium Finisterrae, a Casa das Ciencias e a Domus pecharán as súas portas ás 18.00 horas, dúas horas antes do habitual durante a tempada estival.

A medida forma parte do dispositivo especial preparado polo Concello ante a previsión de que milleiros de persoas se acheguen á cidade para seguir un fenómeno astronómico excepcional. A eclipse será visible entre as 19.30 e as 21.22 horas, alcanzando a súa fase de totalidade ás 20.28 horas, cunha duración aproximada de 76 segundos.

Para garantir o peche ordenado das instalacións, os últimos accesos ao Aquarium Finisterrae autorizaranse ás 17.00 horas, mentres que na Casa das Ciencias e na Domus poderase entrar ata as 17.30 horas.

A pesar do peche anticipado, non todos os espazos ofrecen as mesmas condicións para observar o fenómeno. A Casa das Ciencias, situada no parque de Santa Margarida e rodeada de árbores e edificios, non permitirá unha boa visibilidade da eclipse. Pola contra, desde o aparcadoiro exterior do Aquarium Finisterrae e desde a contorna das Lagoas, xunto á Domus, si será posible contemplar o evento.

O Concello lembra que tamén habilitou un mapa interactivo con distintos puntos recomendados para seguir a eclipse desde os barrios da cidade, unha iniciativa coa que busca facilitar a observación deste acontecemento astronómico e distribuír ás persoas asistentes por diferentes espazos.

0.13810396194458