Os Museos Científicos Coruñeses repartirán lentes homologadas para observar con seguridade a eclipse do 12 de agosto

Os Museos Científicos Coruñeses distribuirán de forma gratuíta lentes homologadas para a observación da eclipse total de Sol do vindeiro 12 de agosto, unha iniciativa coa que o Concello da Coruña se suma á campaña estatal 'Una vista única. Cuídala', impulsada polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e o Grupo Social ONCE.
As lentes entregaranse ás persoas maiores de 16 anos que accedan aos museos municipais, ata esgotar existencias. O obxectivo é fomentar unha observación segura do fenómeno e evitar lesións oculares derivadas de mirar directamente ao Sol sen a protección axeitada.
A Coruña foi seleccionada como un dos centros participantes nesta campaña, que distribuirá en toda España dous millóns de lentes certificadas. Segundo destacou o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, a cidade será un dos mellores lugares de Europa para seguir esta eclipse, polo que o Concello busca que a cidadanía poida desfrutar do acontecemento con todas as garantías.
Esta acción complétase coas actividades divulgativas que os Museos Científicos Coruñeses desenvolven nas últimas semanas. Entre elas figura a entrega de caixas automontables para a observación indirecta da eclipse ás familias con menores de 10 anos que participan nas sesións do Planetario da Casa das Ciencias, así como a difusión de recomendacións sobre os métodos seguros para seguir o fenómeno.
O Concello lembra que só deben empregarse lentes certificadas conforme á norma ISO 12312-2 e insiste en que nunca se debe observar o Sol mediante prismáticos, telescopios, cámaras ou outros dispositivos ópticos sen filtros solares específicos.
A distribución das lentes forma parte do dispositivo especial preparado para o 12 de agosto, unha xornada na que a cidade espera recibir milleiros de visitantes para presenciar unha eclipse total de Sol que non volverá repetirse nestas condicións na Coruña ata o ano 2180.