Os Museos Científicos Coruñeses ofrecerán nove días de entrada gratuíta pola Semana da Ciencia

A Semana da Ciencia 2026 permitirá visitar de balde durante nove días consecutivos os tres Museos Científicos Coruñeses: o Aquarium Finisterrae, a Casa das Ciencias e a Domus. Os centros abrirán todos os días de 10:00 a 19:00 horas, co último acceso ás 18:00 horas no Aquarium e ás 18:30 horas nos outros dous museos.
Para acceder ao Aquarium Finisterrae será imprescindible reservar entrada, un trámite que poderá realizarse desde as 9:00 horas do día anterior á visita. As persoas maiores de 65 anos estarán exentas desta obriga e poderán acudir acompañadas se o precisan. Na Casa das Ciencias, as salas de exposición poderán visitarse libremente, pero será necesario retirar invitacións para as sesións do planetario. Estas tamén estarán dispoñibles desde as 9:00 horas do día anterior.
De luns a venres, o planetario ofrecerá ás 18:00 horas unha sesión en directo sobre o ceo do mes, en galego e castelán, para maiores de 10 anos. As fins de semana haberá catro pases: 'Polaris', ás 11:30 horas; '3CLIPSE', ás 13:00 horas; 'Hazenults', ás 17:00 horas, para nenos de 4 a 6 anos, e a sesión sobre o ceo do mes, ás 18:00 horas. Na Domus, pola súa banda, a entrada será libre e non requirirá reserva, agás que se complete o aforo.
A programación incluirá tamén a entrega dos XXXIX Prismas Casa das Ciencias á Divulgación Científica, prevista para o sábado 14 de novembro no salón de plenos do Concello da Coruña.