Os escaparates de Sada converteranse nunha galería de arte ao aire libre con 'PASEARTE'

Sada volverá unir arte, cultura e comercio local coa celebración de 'PASEARTE por Sada 2026', unha iniciativa impulsada pola Escola da Arte de Sada que transformará os escaparates dos establecementos comerciais nunha galería aberta á rúa.
A proposta desenvolverase do 15 ao 31 de xullo e permitirá exhibir obras de artistas de diferentes idades e estilos nos comercios participantes, achegando a creación artística á veciñanza e visitantes ao tempo que se dinamiza a vida cultural e comercial do municipio.
O Concello de Sada anima aos establecementos locais a sumarse á iniciativa cedendo un espazo do seu escaparate. A participación é gratuíta e a Escola da Arte encargarase da organización da exposición, así como dos carteis, folletos e demais custos vinculados á mostra.
O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 11 de xullo. As persoas interesadas poden obter máis información ou formalizar a participación a través do teléfono 697 461 356.
Con esta actividade, Sada busca converter as súas rúas nun escaparate aberto ao talento e á creatividade, reforzando ao mesmo tempo o papel do comercio de proximidade como espazo de encontro e dinamización social.