Os continuos cortes de luz en Curtis levan ao Concello a reclamar medidas urxentes

ACoruñaXa
As interrupcións, prácticamente diarias e sen previo aviso, afectan a varias zonas residenciais e ao polígono industrial Curtis-Teixeiro, causando prexuízos a veciños e empresas
CONCELLO CURTIS
21 Nov 2026

O Concello de Curtis reclamará novamente a UFD Distribución Electricidad, pertencente ao grupo Naturgy, que adopte medidas urxentes para poñer fin aos continuos cortes de subministración eléctrica que se rexistran en diferentes puntos do municipio. As interrupcións, practicamente diarias e sen previo aviso, afectan tanto a fogares como a negocios e empresas, especialmente en Teixeiro e localidades próximas.

Os problemas volveron repetirse este xoves, con múltiples cortes de luz ao longo da xornada que prexudicaron comercios, establecementos hostaleiros e veciños de Teixeiro e aldeas limítrofes. Segundo o Concello, as incidencias veñen producíndose de forma reiterada durante o último ano.

As zonas afectadas inclúen varios lugares da parroquia de Santaia, como Teixeiro, Outeiro, Carballas e Penedo-Teixeiro, ademais do polígono industrial Curtis-Teixeiro. Tamén se rexistran problemas en O Seixo de Arriba e O Seixo de Abaixo, na parroquia de Lourdes.

O alcalde, Javier Caínzos, trasladará formalmente á compañía o seu malestar por esta situación e reclamará unha resposta urxente. O rexedor considera que as interrupcións afectan a un servizo básico e prexudican tanto a vida cotiá dos veciños como o funcionamento das actividades empresariais.

O Concello solicita unha revisión técnica inmediata das instalacións eléctricas que abastecen as zonas afectadas, así como a execución das reparacións e melloras necesarias para evitar que os cortes continúen. Tamén reclama un informe sobre o estado da rede e un calendario concreto de actuacións que permita coñecer as medidas previstas e os prazos para levalas a cabo.

As interrupcións da subministración, ademais das molestias que ocasionan, poden provocar danos en equipos eléctricos e perdas económicas para os negocios afectados, especialmente polas variacións de tensión e as suspensións do servizo.

O goberno local tamén puxo á disposición dos veciños afectados por perdas ou avarías nos seus equipos unha vía para canalizar as queixas e tramitar ante a compañía subministradora as reclamacións polos danos ocasionados.

0.13327598571777