Os clubs deportivos de Oleiros disporán este ano de 140.000 euros en subvencións

ACoruñaXa
O Concello incrementa en 43.000 euros a convocatoria para apoiar ás entidades sen ánimo de lucro, co obxectivo de impulsar o deporte de base e reforzar a participación dos clubs en competicións autonómicas e estatais
Casa do Concello de Oleiros
4 Aug 2026

O Concello de Oleiros incrementou este ano en 43.000 euros a partida destinada ás subvencións para entidades deportivas sen ánimo de lucro, elevando o orzamento total ata os 140.000 euros. O obxectivo desta convocatoria é apoiar a actividade dos clubs do municipio e impulsar tanto o deporte base como a participación en competicións de maior nivel.

Segundo explica o Concello, o aumento da dotación económica responde ao incremento do número de entidades deportivas locais que compiten en campionatos de ámbito estatal. Ademais, tamén se reforzan as axudas dirixidas aos clubs que desenvolven a súa actividade en competicións de carácter local e autonómico.

As subvencións están destinadas a entidades sen ánimo de lucro inscritas no Rexistro Municipal de Entidades de Oleiros antes do 31 de decembro de 2025 e que cumpran os requisitos establecidos nas bases da convocatoria.

O prazo para presentar as solicitudes permanecerá aberto entre o 4 e o 24 de agosto, e a tramitación deberá realizarse a través da sede electrónica municipal mediante os formularios habilitados para este procedemento.

Ademais das achegas económicas, o Concello lembra que mantén o seu apoio ás entidades deportivas mediante a cesión gratuíta de instalacións municipais e de diverso material necesario para a organización de adestramentos, eventos e competicións.

0.12428188323975