Os campamentos de verán de Deputación abren o prazo de inscrición

ACoruñaXa
O campamento están dirixidos á rapazada de entre 9 e 14 anos de idade e desenvolveranse durante os meses de xuño e xullo no IES Rosalía Mera da Deputación, na cidade da Coruña
Imaxe dunha edición anterior dos campamentos de verán da Deputación da Coruña
Imaxe dunha edición anterior dos campamentos de verán da Deputación da Coruña
7 may 2024

A Deputación da Coruña abre, un ano máis, o prazo para que os rapaces e rapazas da provincia se apunten aos campamentos deportivos de verán que a institución vai levar a cabo nos meses de xuño e xullo. As inscricións poderán realizarse ata o 28 de maio nos concellos da provincia.

Os campamentos están destinados a nenos e nenas de entre 9 e 14 anos de idade e desenvolveranse no IES Rosalía Mera da Deputación, ubicado na cidade da Coruña, en cinco quendas de seis días de duración. O prezo do campamento é de 85 euros, que inclúe transporte, estadía e manutención, así coma o gasto das actividades.

O deputado de Deportes, Antonio Leira Piñeiro, destacou que os campamentos de verán da Deputación contemplan “un amplo programa de actividades, tanto deportivas coma de ocio para que os nenos e nenas poidan gozar dun verán cheo de actividades, aprendizaxe e ademais compartan vivencias”

Durante as xornadas de campamento, a rapazada participante poderá gozar de deportes náuticos, actividades ao aire libre, excursións á praia e visitas culturais, deportivas e etnográficas en zonas de interese na provincia da Coruña. As actividades e xogos buscarán en todo momento fomentar a comunicación, o intercambio de experiencias, a convivencia e o respecto polos demais.

Entre o equipamento recomendado pola organización para a estadía dos rapaces figura roupa de rúa e deportiva, toallas e útiles de aseo, saco de durmir e lanterna, gafas de sol, crema protectora, chuvasqueiro e mochila.

Neste sentido, as quendas deste ano son as seguintes:

1ª quenda (do 23 ao 28 de xuño): Boiro, Brión, Camariñas, Carnota, Cee, Corcubión, Dodro, Dumbría, Fisterra, Lousame, Muros, Muxía, Noia, Outes, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Vimianzo e Zas

2ª quenda (do 30 de xuño ao 5 de xullo): Aranga, Bergondo, Cabanas, A Capela, Coirós, Culleredo, Curtis, Fene, Irixoa, Melide, Miño, Oza-Cesuras, Paderne, Pontedeume, As Pontes, Sada, Santiago de Compostela, Vilarmaior e Vilsantar.

3ª quenda (do 7 ao 12 de xullo). Abegondo, Ames, Arzúa, A Baña, Boimorto, Boqueixón, Cerceda, Frades, Mesía, Negreira, Ordes, Oroso, O Pino, Rois, Santiso, Sobrado dos Monxes, Teo, Toques, Tordoia, Touro, Trazo, Val do Dubra e Vedra.

4ª quenda (do 14 ao 19 de xullo). Arteixo, Betanzos, Cabana de Bergantiños, Cambre, Carballo, Carral, Coristanco, A Laracha, Laxe, Malpica de Bergantiños, Mazaricos, Mugardos, Oleiros, Ponteceso e Santa Comba.

5ª quenda (do 21 ao 26 de xullo). Ares, Cariño, Cedeira, Cerdido, A Coruña, Ferrol, Mañón, Moeche, Monfero, Narón, Neda, Ortigueira, San Sadurniño, As Somozas e Valdoviño.