Os campamentos de verán abren 360 prazas para axudar á conciliación familiar en Miño

ACoruñaXa
O Concello activa este mércores 13 de maio a preinscrición para 'Miño Respira' e para o campamento deportivo, que se desenvolverán en catro quendas entre xullo e agosto
MIÑO campamento respira
12 May 2026

O Concello de Miño pon en marcha unha nova edición dos seus campamentos de verán, unha programación que este ano ofertará 360 prazas co obxectivo de facilitar a conciliación das familias durante as vacacións escolares e ofrecer alternativas de lecer educativo e saudable para a infancia.

A proposta inclúe dous programas diferenciados. Por unha banda, 'Miño Respira' está dirixido a nenos e nenas nacidos entre 2014 e 2022 e terá como eixes a convivencia, a igualdade, a corresponsabilidade, a inclusión e a socialización. As actividades desenvolveranse nos locais sociais de Bemantes e Xarío.

Por outra banda, o campamento deportivo está pensado para crianzas nacidas entre 2012 e 2018. Neste caso, a finalidade é fomentar hábitos de vida activos a través do xogo, o deporte e as actividades ao aire libre, con propostas adaptadas ás diferentes idades e orientadas tamén a reforzar valores como o traballo en equipo.

Os campamentos organizaranse en catro quendas durante os meses de xullo e agosto. A primeira será do 1 ao 15 de xullo, a segunda do 16 ao 31 de xullo, a terceira do 3 ao 14 de agosto e a cuarta do 17 ao 28 de agosto. En cada campamento haberá 80 prazas nas dúas quendas de xullo e 70 en cada unha das de agosto.

O prazo de preinscrición abrirase este mércores 13 de maio ás 9.00 horas e permanecerá dispoñible ata o martes 26 de maio ás 12.00 horas. As solicitudes que se presenten fóra dese período serán consideradas fóra de prazo, aínda que o Concello poderá abrir unha nova convocatoria no caso de que queden vacantes unha vez rematado o proceso.

A principal novidade desta edición estará no sistema de asignación de prazas, que terá en conta a renda per cápita das unidades familiares solicitantes. As peticións ordenaranse de menor a maior renda, co obxectivo de priorizar ás familias con máis necesidade. Ademais, poderanse solicitar as catro quendas, aínda que se dará prioridade a que todas as persoas que cumpran os requisitos poidan acceder, polo menos, a unha delas.

0.13878202438354