Os alcaldes populares da Provincia piden a Goberno autoxestionar as costas dos seus concellos

ACoruñaXa
O presidente do PP na provincia da Coruña, Diego Calvo, mantivo unha reunión con rexedores e voceiros da súa formación no partido xudicial de Betanzos na que se puxo de manifesto o “malestar” con moitas das decisións aprobadas polo goberno de Pedro Sánchez
Imaxe da reunión comarcal do PP en Betanzos
Imaxe da reunión comarcal do PP en Betanzos
19 abr 2024

Alcaldes do Partido Popular na provincia da Coruña alzaron este venres a voz para criticar que o Goberno Central xestione “a costas dos concellos” e esixiron máis financiamento para poder asumir as novas obrigacións impostas polas leis aprobadas polo executivo que encabeza Pedro Sánchez.

Fixérono nunha reunión mantida con alcaldes e voceiros do partido xudicial de Betanzos, e acompañado polo secretario xeral, Evaristo Ben, os rexedores puxeron sobre a mesa a falta de diñeiro e de recursos que sofren para implantar a lei de Benestar Animal impulsada polo Ministerio de Ione Belarra.

O servizo de urxencias veterinarias 24 horas, a xestión das colonias felinas, as instalacións e o persoal cualificado para coidar de calquera tipo de animal abandonado, supoñen moitos gastos para consistorios que, na maioría dos casos, nin sequera poden destinar eses recursos para os propios veciños.

“A situación é insostible por moito máis tempo. Os concellos non poden asumir os caprichos e as ocorrencias do Goberno Central que obriga, pero que non dá medios, nin diñeiro para cumprir con esas obrigacións”, denunciou Calvo, quen reclamou máis financiamento para os executivos locais.

Ademais de todos os problemas que está a xerar a implantación da Lei de Protección Animal para os concellos, os alcaldes criticaron tamén a obrigatoriedade de ter un censo de edificios con amianto e presentar un plan para eliminalo, como establece a Lei 7/2022, do 8 de abril, de residuos e chans contaminados para unha economía circular.

“É un exemplo máis da falta de respecto e de pouca consideración que o Goberno ten cara aos concellos, aos que non para de cargar con deberes e obrigas que supoñen gastos, pero aos que non dota de máis fondos para asumilos”, apuntan os populares.

Denuncian o ‘seguidismo’ do PSdeG

Con todo, o líder dos populares na provincia cargou contra o “seguidismo” do PSdeG que, lonxe de criticar as medidas impulsadas polo Goberno Central e que poñen en serio risco a autonomía financeira dos municipios, dedícase a levar mocións para esixir á Xunta que asuma o 100% do financiamento do Servizo de Atención non Fogar.

“Hai que ter moi pouca vergoña, pero así logo pasa o que pasa nas eleccións. Miran para outro lado cando o seu partido maltrata aos concellos, pero logo esixen máis compromiso ao Goberno Autonómico cun servizo no que achega o que lle corresponde, mentres o Estado non o fai”, criticou Calvo.

Ante todas estas polémicas, e coa situación de “desamparo” e de “risco” que están a vivir os concellos, Calvo non quixo deixar pasar a oportunidade de cargar contra o papel da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), a quen acusou de “abandonar” á súa sorte aos gobernos locais.

“Tiña entendido que a FEGAMP nacera para protexer e defender aos concellos, pero ver que agora se dedica a defender os intereses de Pedro Sánchez”, lamentou Calvo, quen subliñou que só así se entende o seu “silencio” ante os “atropelos” que se derivan de moitas das leis aprobadas polo Goberno Central.