Ordes proxecta unha nova conexión de auga para reforzar o abastecemento da vila

O abastecemento de auga da vila de Ordes contará cunha nova conexión entre as súas principais redes. O Concello acaba de sacar a licitación as obras do proxecto de abastecemento de Queirúa a Castrelos, pasando polo Cano, unha actuación que permitirá interconectar os depósitos do Mesón do Vento e de Merelle e mellorar a capacidade de funcionamento do sistema.
O proxecto parte dun orzamento base de 112.467,48 euros e contempla a instalación de 2.625 metros de nova canalización. O obxectivo é crear unha conexión entre as dúas redes que actualmente participan no subministro de auga á vila de Ordes.
A nova infraestrutura estará formada por 1.685 metros de tubaxe de polietileno de alta densidade de 110 milímetros de diámetro e outros 940 metros do mesmo material, neste caso de 90 milímetros. Ambas as canalizacións estarán preparadas para soportar unha presión de ata 16 atmosferas.
O proxecto tamén inclúe diferentes elementos destinados a controlar e regular o funcionamento da rede. En concreto, instalaranse nove válvulas de comporta e dúas válvulas redutoras de presión, ademais doutros traballos necesarios para executar o trazado.
Entre as actuacións previstas figura tamén un tramo de 20 metros de cruce mediante perforación horizontal, así como a limpeza de gabias e salvagabias para favorecer a correcta drenaxe da auga tanto de maneira lonxitudinal como transversal.
Unha vez rematada a intervención, tamén se contempla a reposición dos pavimentos que resulten afectados polas obras. O proxecto establece para iso diferentes capas de zahorra, grava, tratamento asfáltico semiprofundo e aglomerado en quente.
As obras terán seis meses de prazo
O prazo previsto para executar os traballos é de seis meses. O Concello sinala ademais que xa dispón dos terreos necesarios para poder desenvolver a actuación.
As empresas interesadas en optar á contratación poderán presentar as súas ofertas ata o 28 de outubro de 2026.
A nova canalización permitirá, unha vez completada, conectar os depósitos do Mesón do Vento e de Merelle, que forman parte do sistema de abastecemento da vila. A actuación busca así reforzar a conexión entre ambas as redes e dotar de maior flexibilidade á infraestrutura encargada de levar auga á poboación.