Ordes e Frades investirán 67.000 euros nunha miniexcavadora para reforzar a conservación ambiental

Os concellos de Ordes e Frades deron un novo paso para reforzar os traballos de conservación do medio natural coa licitación da compra dunha miniexcavadora e dun remolque específico para o seu transporte, un investimento que ascende a 67.000 euros.
O novo equipamento estará adscrito ao Servizo de Protección do Ambiente e do Espazo Natural que ambos os municipios prestan de forma compartida e permitirá mellorar a execución de actuacións de mantemento e restauración ambiental.
Entre os traballos que se poderán realizar con maior eficacia figuran o acondicionamento de terreos, a limpeza e desbroce de drenaxes e canles de auga, así como actuacións para controlar a erosión e estabilizar zonas degradadas ou con maior risco ambiental.
A miniexcavadora foi elixida polas súas reducidas dimensións, que facilitarán intervencións en espazos de difícil acceso minimizando o impacto sobre o medio. Pola súa banda, o remolque permitirá transportar a maquinaria entre os distintos puntos de actuación de maneira segura, reducindo tempos de desprazamento e custos operativos.
O proxecto conta cun orzamento base de 67.000 euros, dos que 49.500 euros corresponden á adquisición da miniexcavadora e 5.871,90 euros ao remolque, aos que se suma o IVE. A actuación conta cunha subvención de 43.550 euros, equivalente ao 65 % do investimento, a través do Fondo de Compensación Ambiental da Xunta de Galicia destinado a entidades locais que prestan servizos mediante xestión compartida.
O prazo para que as empresas interesadas presenten as súas ofertas permanecerá aberto ata o 6 de agosto.
O prego técnico establece que a maquinaria deberá ser completamente nova e cumprir unha serie de especificacións, entre elas un peso operativo mínimo de 2.400 quilos, motor diésel, cabina pechada, sistema GPS e diferentes cazos intercambiables. No caso do remolque, deberá incorporar unha plataforma de grandes dimensións, dous eixes con freo de inercia, ramplas e tamén un sistema de localización GPS.