Ordes convoca unha reunión informativa sobre a reestruturación parcelaria de San Xulián de Poulo

A Xunta de Galicia celebrará este mércores, 25 de novembro, unha reunión informativa sobre o proceso de reestruturación parcelaria de San Xulián de Poulo, en Ordes, coa que dará inicio á Enquisa de Bases, unha fase fundamental do procedemento na que se recollerán os datos relativos ás parcelas afectadas.
O encontro terá lugar ás 10.00 horas no auditorio da Casa da Cultura de Ordes, situado na rúa Galicia, número 25. A Administración considera fundamental a asistencia das persoas interesadas, xa que durante a reunión se entregará a cada propietario un documento resumo cos datos das súas parcelas.
Para recibir esta documentación, as persoas titulares deberán presentar o seu DNI. No caso de acudir unha persoa autorizada, será necesario achegar a autorización asinada e unha copia do documento de identidade da persoa propietaria.
Durante a sesión tamén se facilitará un modelo de alegacións e explicarase o procedemento para a súa presentación. Ademais, darase a coñecer o calendario de atención presencial da empresa contratada para resolver dúbidas relacionadas co proceso.
O prazo para presentar alegacións estará aberto do 26 de novembro ao 25 de decembro de 2026, ambos os días incluídos. As reclamacións deberán presentarse por escrito no Rexistro da Xunta de Galicia ou a través dos medios previstos na normativa, dirixidas ao Servizo de Infraestruturas Agrarias da Coruña.
A partir do 26 de novembro, os planos e demais documentación poderán consultarse no local social de Senra (Poulo), habilitado para acoller a empresa contratada; no Servizo de Infraestruturas Agrarias da Coruña e na web da Consellería do Medio Rural, na sección de publicacións dedicada aos procesos de concentración parcelaria.
As persoas interesadas tamén poderán resolver dúbidas mediante atención presencial, segundo o calendario que se facilitará na reunión, ou a través dos teléfonos 981 184 625 e 981 184 634, así como do correo electrónico infraestruturasagrarias.mr@xunta.gal, indicando 'CCP Poulo' no asunto.